A VII Festa Etnográfica do Pereiro de Aguiar presenta o programa completo de actividades

Pereiro de Aguiar celebrará o vindeiro 12 de xullo de 2026 a VII Festa Etnográfica, unha xornada dedicada á tradición, á cultura popular e aos oficios de sempre, que terá lugar na Praza de San Antonio e na súa contorna a partir das 11.00 horas.
Ao longo de toda a xornada desenvolveranse obradoiros, actividades infantís e para adultos, actuacións musicais, contacontos, campionatos, sorteos, propostas de artesanía e distintas iniciativas pensadas para o público familiar.
A programación comezará ás 11.00 horas coa apertura da festa e o inicio dos obradoiros de xogos populares e tradicionais a cargo do Centro Cultural Xaquín Lorenzo “Xocas”, ademais de obradoiros infantís e para adultos.
Ás 11.30 horas está prevista a actuación do grupo Os Xuncos de Xunqueira de Espadanedo, mentres que ás 12.00 horas terá lugar a recepción de autoridades na Praza de San Antonio.
A partir das 13.00 horas sucederanse as actuacións do grupo de pandereteiras do Pereiro de Aguiar “As Lapacaldas” e do grupo de acordeóns “Airiños dos Foles”. Ás 13.30 horas celebrarase o primeiro sorteo de agasallos de artesanía na Praza da capela de San Antonio, tras o cal se dará paso ao xantar.
Pola tarde, a programación retomarase ás 16.30 horas coa actuación do presentador e monologuista Marcos Pereiro co espectáculo “Os marcos de Marcos Pereiro”.
Ás 17.30 horas desenvolverase o contacontos “Off-Line” con Nerea Rodríguez e tamén terá lugar o campionato de billarda e chave, que incluirá a posterior entrega de premios.
Ás 18.15 horas ofrecerase a actividade “Como montar a túa banda de verán” con Xoán Curiel, dirixida a público familiar, mentres que ás 18.30 horas celebrarase un obradoiro de corozas.
Ás 19.15 horas terá lugar un concerto-foliada a cargo do Grupo de Danzas Castro Floxo, e ás 20.00 horas producirase o segundo sorteo de agasallos de artesanía na Praza da capela de San Antonio.
Tamén ás 20.00 horas haberá música e troula coa charanga A Felga, mentres que ás 21.00 horas está previsto o horario oficial de recollida das paradas da festa.
Durante toda a xornada manteranse diferentes oficios tradicionais, como olería, cestería, talla en madeira, instrumentos musicais, corozas, tecido artesán, palliñeiras ou ferreiro, entre outros.
Así mesmo, ao longo do día desenvolverase o gran xogo infantil teatralizado “O estraño caso da ola perdida”, ademais de obradoiros infantís.