A voz dos alcaldes: Manuel Ángel Fernández Movilla, alcalde de Baños de Molgas

OurenseXa
Manuel Ángel Fernández Movilla chegou á Alcaldía de Baños de Molgas nas eleccións municipais de 2023 e, desde 2025, preside o PP local
manuel-angel-fernandez-movila
21 Jun 2026

Manuel Ángel Fernández Movilla chegou á Alcaldía de Baños de Molgas nas eleccións municipais de 2023 despois de dar o paso para liderar un proxecto político que nacera anos antes da man dun grupo de veciños preocupados pola situación do municipio. O tamén presidente do PP local, defende unha forma de facer política próxima á xente e centrada nas persoas, coa vista posta no futuro do concello e na mellora da calidade de vida da veciñanza.

Como comezou na política e como se vinculou ao seu partido?

Foi no ano 2019 cando nos xuntamos un grupo de veciños preocupados pola situación do noso concello. Non nos gustaba a deriva que estaba collendo o noso municipio. Tiñamos a idea de que Baños de Molgas tiña potencial e que había que dar un paso adiante para traballar polo futuro do municipio. Así naceu unha candidatura municipal con ilusión e ganas de facer as cousas doutro xeito.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?

Foi nas últimas eleccións cando un par de militantes do partido me convenceron para facer e liderar un proxecto para loitar pola alcaldía. Quero aproveitar para agradecer sinceramente a confianza que depositaron en min os veciños nas urnas, porque esa confianza é a enerxía que me move cada día para traballar polo municipio e polos veciños. Tamén quero agradecer aos afiliados e militantes do partido o apoio constante desde o primeiro día. Sen eles, e sen o traballo dos meus compañeiros concelleiros, sería imposible desenvolver este proxecto.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno municipal?

O principal sacrificio é o tempo coa familia. Nunca fun unha persoa de parar moito na casa, pero desde que fun pai valoro moito máis eses momentos de estar cos meus, de compartir tempo na casa e na vida diaria. Esa parte é a que máis se resente neste cargo, pero tamén me considero afortunado, porque teño unha familia que me entende, me apoia e me respalda en todo momento. Sen ese apoio sería imposible sostelo.

E beneficios?

É unha aprendizaxe constante e moi enriquecedora. Nun concello pequeno tes que facer de case todo, e iso dáche unha visión moi completa da realidade da xente e do municipio. Pero, sobre todo, o máis importante é a satisfacción de poder axudar, de estar preto dos veciños e de ver como pequenas decisións melloran a vida das persoas.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Nun municipio pequeno é complicado separar ambas. A vida pública e a privada están totalmente mesturadas. Estou en contacto constante cos veciños e iso forma parte do día a día. De feito, ese contacto coa xente é unha das cousas que máis valor lle dou desta responsabilidade. Tamén é certo que un xa sabía onde se metía.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

O meu obxectivo é claro: intentar dar o salto para que Baños de Molgas se consolide nun proxecto serio e estable para o futuro. Eu son moi inconformista, sei que Baños de Molgas sempre pode estar mellor e, por iso, nunca me conformo co conseguido. Valoro o traballo feito, e teño que agradecer moito o apoio da Xunta e da Deputación para sacar adiante proxectos que sen eles sería imposible, pero sempre estou pensando no seguinte paso. Entendo a alcaldía como unha responsabilidade diaria: traballar, mellorar e seguir construíndo futuro para o noso concello e tamén como unha labor de servizo aos meus veciños.

E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?

Renovar a alcaldía significaría dar continuidade a un traballo importante e seguir construíndo un concello máis dinámico, con máis servizos e máis oportunidades. Pero, sobre todo, dando unha visión clara e motivadora de futuro para a xente. Somos un municipio con moitas oportunidades, sobre todo no eido do turismo. Temos moito patrimonio artístico e natural espallado por todo o municipio e somos municipio termal, cunhas das mellores augas de España.

Cales son as principais liñas do seu programa?

Pois para este noso primeiro mandato, e vista a situación na que nos atopamos, consideramos que o primeiro que había que facer era “arreglar a casa”. Temos moi claro que, antes de crear novos proxectos, hai que coidar, manter e poñer en valor o que xa temos. Non é pouco o que existe, e o primeiro é garantir que funcione ben e que se conserve.

Para nós, o centro do noso proxecto son as persoas; por iso apostamos pola política social, incrementando o número de horas e de traballadoras do SAF. Grandes profesionais que fan un gran labor coas persoas maiores e dependentes. Recentemente lanzamos por primeira vez o Bono Taxi Social para facilitar a mobilidade deste tipo de persoas e incrementamos os Obradoiros de Dinamización a 8 meses e talleres mensuais.

Ampliamos os meses de traballo da brigada municipal para intentar levar a cabo labores de mantemento e atender necesidades urxentes nun menor tempo. Tamén facemos unha aposta clara pola conciliación con iniciativas no concello como a liña de axudas para material escolar, campamentos en todos os períodos vacacionais, servizo de concilia dende o curso 2024…

Son iniciativas que eran necesarias, e iso demóstrao a gran demanda que teñen. Un termómetro pode ser o grupo escolar, que no ano 2023 tiña 25 nenos e este ano, tan só dous cursos despois, ten 39.

Outro dos eixos fundamentais é a dinamización social. Para nós é fundamental que a xente teña actividades, participe e faga vida no concello. Un municipio vivo é un municipio con futuro. E, como non, tamén estamos intentando buscar solucións á situación precaria e deficitaria tanto da cobertura móbil como do acceso a internet.

Cales considera que son as principais necesidades do seu municipio?

Temos grandes necesidades en mellora de infraestruturas e tamén no reto demográfico. É fundamental fixar poboación e cambiar a dinámica actual para que a xente aposte por Baños de Molgas para emprender e vivir. Eu véxoo moito desde a experiencia propia do autoemprego e das oportunidades locais: se creamos condicións, a xente pode desenvolver aquí o seu proxecto de vida. Neste eido, recentemente adherímonos á Rede de Municipios Emprendedores para dar máis facilidades fiscais a quen queira emprender no noso municipio e, dende o ano 2024, contamos cun Polo de Emprendemento da Xunta de Galicia que asesora a emprendedores e xente que xa ten negocio. Tamén en materia de telecomunicacións, precisamos boas conexións. Non podemos pretender que a xente veña vivir aquí sen internet, sobre todo se a xente teletraballa.

Tamén é clave seguir mellorando e apostando pola política social: a conciliación e a atención á nosa poboación máis envellecida, que merece o mellor trato e coidado posible. E aí o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é fundamental. Outra das grandes necesidades é a mobilidade e as conexións de transporte. Pero para todo isto, é imprescindible seguir buscando financiamento nas administracións, porque os recursos propios do concello son moi limitados e aínda queda moito por facer.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

Sinceramente, dos que están por vir. Son proxectos importantes para o futuro do municipio e nos que levamos moito tempo traballando. Un exemplo é a rehabilitación do antigo muelle de carga da estación de ferrocarril, que nos permitirá contar cun espazo propio e axeitado para celebrar eventos, reunións e actividades que ata agora non podiamos desenvolver nas condicións que nos gustaría. Este proxecto é posible grazas á colaboración do Inorde e ao financiamento da Xunta de Galicia. Tamén seguimos avanzando na reapertura do Balneario, pechado desde principios de 2023. É un proxecto estratéxico para Baños de Molgas e estamos dando pasos importantes co apoio da Área de Termalismo da Xunta de Galicia e da Deputación.

Estou moi orgulloso e agradecido por todo o conseguido ata agora, pero tamén ilusionado co que está por chegar. Estou convencido de que estes proxectos poden marcar un antes e un despois para o futuro do noso concello. Tamén valoro cada pequena actuación que mellora o día a día dos veciños. Ao final, todo suma cando o obxectivo é mellorar o concello e facilitar a vida aos veciños.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Gustaríame que me visen como unha persoa traballadora, próxima e accesible. Son un alcalde que está na rúa e recorre os pobos, que fala coa xente, que escoita e que intenta dar resposta ás necesidades reais. Gustaríame que os veciños se sentisen orgullosos de que sexa o seu alcalde, e sei que para iso teño que seguir traballando moito.

Como é a relación coa oposición?

É unha relación correcta e respectuosa. A oposición son veciños aos que tamén debo atender e escoitar. É certo que temos diferentes visións e responsabilidades, e eu téñoos en consideración como parte do funcionamento normal da vida municipal.


EN CLAVE PERSONAL

Idade.
33 anos.

Estado civil.
Casado.

Formación.
Técnico Superior en Próteses Dental.

Profesión.
Protésico dental.

Se non fose técnico de seguridade, que lle gustaría ser?
Policía.

Que quería ser de maior?.
Piloto de MotoGP.

Que fai para desconectar?.
Últimamente, saír a camiñar.

Unha virtude.
Constancia.

Un defecto.
Teimudo.

Un consello para compartir.
Non hai progreso sen compromiso e traballo.

Unha afección.
Saír coa moto.

Un lugar que visitar.
O Santuario de o Os Milagres.

Unha comida.
Calquera tipo de carne a brasa.

Unha bebida.
Cervexa.

Unha persoa admirada.
Todos as da casa.

Unha posesión prezada.
toda aquela que me permita desfrutar cos meus.

Un desexo.
Moita saúde para todos.

Algo para esquecer.
Nada. De todo se aprende.

Que é o que máis valora nunha persoa?
A nobleza.

Un desafío pendente.
Aprender a xogar ao Pádel.

Onde se ve en cinco anos?
Traballando para os meus vecinos.

0.13462805747986