A voz dos alcaldes: Manuel Pérez Nóvoa, rexedor de Paderne de Allariz

Manuel Pérez Nóvoa chegou á alcaldía de Paderne de Allariz en xaneiro de 2023 despois de renuncia de José Manuel Fernández á fronte deste concello de arredor de 1.346 habitantes situado a tan só uns poucos quilómetros da cidade de Ourense. Veciño de Siabal, leva vencellado á política máis de vinte anos, loitando por mellorar a calidade de vida da veciñanza do seu concello.
Explíquenos un pouco como comezou na política e como se vinculou ao seu partido.
Comecei fai máis de 20 anos como concelleiro, José Manuel, o anterior alcalde, deume a oportunidade de participar no seu proxecto despois de levar practicamente toda a miña vida involucrado no vida do meu concello, xa sexa a través do asociacionismo veciñal, moi importante para fomentar a actividade dos nosos pequenos núcleos de poboación como a través do deporte, o fútbol, na SCD Paderne, sempre foi un lugar de xuntanza interxeracional no noso concello. Despois diso, no 2023, os veciños déronme a súa confianza e ata aquí.
Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?
No ano 2023 José Manuel decidiu dar un paso a un lado, tras unha alcaldía con importantes logros para o noso concello. O partido pensou que podía ser o relevo e os meus compañeiros do grupo municipal apoiaron esa decisión. Pola miña parte, decidín dar un paso adiante para seguir facendo o que me gustaba, mellorar a vida dos meus veciños.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Cando es alcalde dun municipio do tamaño de Paderne de Allariz, todo o mundo te coñece e a municipio para contarche e as súas inquedanzas, os seus problemas do día a día. O teu deber é atendelos e o máis importante, tentar por solución ás súas demandas. Isto non sempre é posible, o que pode xerar certa frustración, pero segues chamando a tódalas portas da administración posibles para poder acadar esa mellor calidade de vida para eles.
E beneficios?
Moitos, a satisfacción de traballar para mellorar o teu concello, o lugar onde naciches e viviches toda a vida. Sentir que axudas directamente ao teu pobo, que podes resolver problemas cotiáns, deixar un legado para os que veñan despois de ti, xa que hai proxectos que perduran e beneficiarán a xeracións futuras.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Teño que recoñecer que o 90% do meu tempo o dedico a ser o alcalde de Paderne de Allariz. Ademais, o meu teléfono está dispoñible as 24 horas do día, supoño que coma todos os alcaldes, pero creo que por iso mesmo os veciños me deron a súa confianza. Respecto á miña familia, teño que recoñecer e darlles as grazas pola súa comprensión.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Os meus obxectivos son, como non podería ser doutro xeito, deixar un Paderne mellor do que recibín. Os concellos do tamaño de Paderne sofren importantes dificultades para acadar financiación para infraestruturas de certo calado. Polo tanto, mentres imos de porta en porta das administracións competentes, para conseguir eses ansiados proxectos, o día a día non cesa, os pequenos problemas ou as intervencións máis sinxelas, ás que si podemos achegar solucións directas, teñen que estar ao día.
E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?
O proxecto máis importante que ten Paderne entre mans é o polígono industrial, tanto o concello, como a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, estamos traballando arreo para que sexa unha realidade, o que nos permitiría atraer poboación e ser xeradores de emprego, nun concello principalmente agrícola, sector no que tamén se traballa a través da posta en marcha do Polígono Agroforestal que xa da os seus primeiros pasos en Solveira.
Outro importante proxecto, dirixido ao maiores, que son a maioría dos nosos veciños, realidade que non podemos ignorar, é a procura de terreos para a construción dunha residencia de maiores, necesaria para complementar os servizos cos que xa contamos, como o impresionante Servizo de Axuda no Fogar co que contamos, con máis de 12.000 horas de atención ao ano.
E un proxecto internacional, a construción dun complexo de ocio e deporte, que contará con piscina. Nestes momentos estamos pendentes da Confederación Hidrográfica que avanza con lentitude nos permisos e documentación previa necesaria para esta infraestrutura.
Cales son as principais liñas do seu programa?
A chegada do transporte metropolitano a Paderne é imprescindible para o noso futuro. As nosas marquesiñas están preparadas. Tódalas administracións implicadas estamos pondo da nosa parte para que sexa unha realidade.
Ademais destas actuacións, imos seguir desenrolando o Centro de Transformación de Alimentos Cantón, un proxecto pioneiro do Inorde na provincia, que permite aos pequenos agricultores elaborar produtos coa incrible materia prima coa que contamos e co que conseguimos atraer actividade económica ao noso concello.
Tamén estamos a piques de completar a rede de auga do concello, coa chegada a Ermide, no que van máis de 1,5 millón de euros invertidos durante unha década para que isto sexa posible. Son obras que non se ven, pero que son de enorme transcendencia para a vida dos veciños.
Tamén contamos cun proxecto de humanización para os 47 pobos que conforman o noso concello. O reto é mellorar as infraestruturas viarias, as zonas comúns, o noso patrimonio e que os pobos sexan contornas máis accesibles, seguros, habitables e proxectados para a vida das persoas.
Por outro lado, estamos a poñer en marcha iniciativas deportivas e de ocio para pequenos e maiores. Este verán xa está cargado de campamentos, festas e actividades, e esa é a liña que intentamos manter o resto do ano. Por exemplo, en poucos días temos a Festa da Terneira ao Espeto e a empanada de polo de curral, que se celebra o próximo 21 de xuño e á que invito a todo o mundo a achegarse.
Cales considera que son as principais necesidades do seu municipio?
Sen dúbida, na liña do xa exposto, ademais do presente, debemos pensar no futuro. Para iso necesitamos asentar poboación, algo que desde a pandemia vimos conseguindo, xa que a nosa situación, preto da cidade e de importantes centros de traballo da provincia, nos permite marchar de mellora nese sentido. A isto súmase a dispersión da poboación, este punto é moi importante á hora de prestar servizos e sumar infraestruturas, pero comprendo que é algo co que convivimos no rural en Galicia e temos que loitar por facelo o mellor posible.
Igualmente, aínda que contamos cun gran servizo de axuda aos nosos maiores, as necesidades neste sentido, son infinitas. Intentamos mellorar constantemente e chegar cada día a máis persoas que o necesitan pola súa dependencia.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Como parte do equipo de goberno desde fai varias lexislaturas, en Paderne vivimos un período moi importante tras moitos anos de loita continua, coa construción dun centro de saúde e dunha escola infantil que melloraron a nosa calidade de vida de xeito importante. Recentemente, conseguimos un feito tan sinxelo que ninguén se imaxina que levara semellante esforzo, unha antena de telefonía que permite que os pobos da parte máis montañosa do concello conten con cobertura despois de anos de traballo.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Que son unha persoa que fai todo o posible por mellorar a súa vida e que saiban que poden contar comigo para todo aquilo que estea na miña man e incluso para o que non estea.
Como é a súa relación coa oposición?
Desde o meu punto de vista, creo que boa, non sei que opinarán eles. A porta do meu despacho sempre está aberta para escoitar as súas propostas. Nun concello como o noso, onde os únicos intereses son os do noso pobo, a ideoloxía e os intereses partidistas quedan a unha veira.
EN CLAVE PERSONAL
- Idade.
67 anos. - Estado civil.
Casado. - Formación.
Formación Profesional. - Profesión.
Técnico de seguridade. - Se non fose técnico de seguridade, que lle gustaría ser?.
Probablemente algo dedicado á acción social. - Que quería ser de maior?.
Futbolista. - Que fai para desconectar?.
Coidar a viña. - Unha virtude.
Gústame escoitar. - Un defecto.
Querer chegar a todo. - Un consello para compartir.
Deixa que o mundo xire. - Unha afección.
O fútbol, leva acompañándome toda a vida. - Un lugar que visitar.
O bambán do Falbán. - Unha comida.
O bacallu. - Unha bebida.
O viño da casa. - Unha persoa admirada.
A miña nai, pola súa fortaleza aos 94 anos. - Unha posesión prezada.
Non lle dou moita importancia aos obxectos. - Un desexo.
Mellorar a vida dos meus veciños. - Algo para esquecer.
Todo te fai medrar. - Que é o que máis valora nunha persoa?
Que sexa boa persoa. - Un desafío pendente.
Seguir aprendendo, é un desafío constante. - Onde se ve en cinco anos?
Seguro que en Paderne de Allariz.