A IX Gala Contra o Cancro chega este domingo ao Auditorio Municipal de Ourense

OurenseXa
A principal novidade desta edición e que a gala será en horario de mañá para favorecer a asistencia do público familiar
Preentación da X Gala contra o Cancro de Ourense
Presentación da X Gala Contra o Cancro de Ourense
9 Jan 2025

O domingo 12 de xaneiro, ás 12.00 horas, o Auditorio Municipal de Ourense será o escenario da IX Gala contra o Cancro, un evento solidario que se consolidou como un referente no calendario cultural e social da cidade. Por primeira vez, celebrarase pola mañá, facilitando que persoas de todas as idades, incluídas familias con nenos pequenos, poidan asistir e colaborar na recadación de fondos para a Asociación Española contra o Cancro (AECC).

O programa da gala promete unha ampla variedade artística. Entre os participantes destacan as cantantes galegas Pili Pampín e Tania Veiras, recoñecidas pola súa traxectoria musical, ademais do grupo Los Gin Toni’s, que interpretará versións de clásicos musicais. A maxia estará a cargo do mago Teto, un dos ilusionistas máis populares de Galicia, e o Grupo de Baile Saudeter engadirá o compoñente de danza ao evento.

A presentación correrá a cargo de Lucía Regueiro, actriz e presentadora da Televisión de Galicia, e Lucía Veiga, humorista e actriz recentemente nomeada aos Premios Goya. Ambas achegarán o seu carisma e profesionalidade para conducir esta gala tan especial.

Organizada pola Asociación Cultural As Canellas, esta iniciativa solidaria leva oito anos enchendo o Auditorio e recadou preto de 50.000 euros ata o momento. Este ano, grazas a un programa renovado e a un horario máis accesible, espérase igualar ou superar esa cifra.

As entradas teñen un prezo de 8 euros en venda anticipada e 10 euros na billeteira. Pódense adquirir en diferentes puntos da cidade, como a sede da AECC de Ourense, Saudeter e o Café Bar Cento5 en Seixalbo, entre outros. O evento conta co apoio do Concello de Ourense, a Deputación de Ourense, Abanca e diversas empresas locais.

0.16420483589172