A X Solidaria permitiu desenvolver 40 proxectos de COGAMI e das súas entidades membro en Galicia

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Os fondos do 0,7 % do IRPF financian 11 programas de atención directa e 29 actuacións de investimento e mellora de centros, con máis de 4.300 persoas beneficiarias
cogami-programa-acadar
10 Aug 2026

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e máis de 30 das súas entidades membro están a desenvolver un total de 40 proxectos financiados cos fondos procedentes da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF a través do recadro 106 da declaración da renda, destinado a programas de interese xeral para fins de carácter social. Estes recursos son repartidos pola Xunta de Galicia.

Do total de iniciativas, 11 corresponden a programas de atención directa, incluídos nas liñas I, II, III e VI, mentres que as outras 29 forman parte da liña IV e están orientadas ao investimento e á realización de obras en centros e instalacións situados en diferentes puntos de Galicia.

En conxunto, os proxectos alcanzan a máis de 4.339 persoas. Os programas de atención directa benefician a 1.842 persoas, mentres que as actuacións de investimento e obra teñen como beneficiarias a 2.497.

Atención directa en diferentes ámbitos

Os programas de atención directa abranguen diferentes necesidades das persoas con discapacidade e das súas familias. Entre as actuacións financiadas figuran o apoio e intervención con familias en situación de especial vulnerabilidade, os itinerarios de inclusión sociolaboral e acompañamento na transición ao emprego, a atención físico-rehabilitadora e psicolóxica, a atención temperá, o transporte adaptado, o asesoramento e a intervención especializada, a atención integral, a promoción da autonomía persoal e actividades de lecer, cultura e deporte inclusivo.

Nos centros de atención diúrna de COGAMI en Medelo, en Silleda, e en Lugo desenvólvese un programa de apoio e intervención con familias e contornas afectivas de persoas con discapacidade en situación de especial vulnerabilidade, no que participan 40 persoas.

Os itinerarios de inclusión sociolaboral e acompañamento na transición ao emprego son desenvolvidos por ACADAR e COGAMI nos concellos de Santiago, Ourense, O Carballiño, Silleda e Lugo, con 121 participantes.

A atención físico-rehabilitadora, psicolóxica, social e cognitiva para persoas con enfermidades crónicas e dexenerativas, entre elas fibrose quística, párkinson, fibromialxia e fatiga crónica, desenvólvese en GRUMICO, AFFOU, Párkinson Galicia-Coruña, Fibrose Quística e nos centros de COGAMI. Este programa conta con 129 participantes.

A atención temperá a nenas e nenos con discapacidade ou risco e ás súas familias é prestada por VONTADE, MISELA e COGAMI en Tomiño, Noia e Muros, con 30 participantes.

Outro dos programas céntrase na atención social, o asesoramento e a intervención especializada por patoloxía, incluíndo esclerose múltiple, linfedema e trastornos músculo-esqueléticos. ALUCEM, ACEM Coruña, AGL, ASOTRAME, ACEM Santiago e COGAMI desenvolven estas actuacións na Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo, chegando a 158 persoas.

A atención social e o asesoramento especializado a persoas con enfermidade renal, doenza inflamatoria intestinal e outras patoloxías crónicas conta coa participación de ALCER Ourense, ALCER Pontevedra, ACCU Ourense, ALCER Coruña e COGAMI en Ourense, Pontevedra, A Coruña e Mos. Neste caso, o programa chega a 360 persoas.

Tamén se desenvolve un programa de atención integral e multidisciplinar de proximidade para persoas con discapacidade a través de AMIZADE, AVEMPO e COGAMI en Vigo, Silleda e Santiago, con 248 participantes.

O transporte adaptado para facilitar o acceso a servizos, terapias e actividades nos centros de atención diúrna de COGAMI beneficia a 98 persoas.

Pola súa banda, ASEM Galicia, ASEARPO, ConArtritis e COGAMI desenvolven actuacións de promoción da autonomía persoal e prevención do deterioro funcional en persoas con enfermidades neuromusculares, artrite e outras patoloxías. O programa conta con 338 participantes de Vigo, Santiago, Lugo e Silleda.

As actividades de lecer, cultura e deporte inclusivo desenvolvidas por COGAMI, ASEM Galicia e ÁMBAR reúnen 200 participantes.

Por último, ACADAR e COGAMI desenvolven en Santiago, Ourense, Xinzo de Limia, A Estrada e Vigo un programa de empoderamento e apoio a mulleres e persoas LGTBI con discapacidade fronte á discriminación múltiple, no que participan 120 persoas.

Investimentos e melloras nos centros

A liña IV permite financiar 29 proxectos de investimento e obra que alcanzan a preto de 2.500 persoas beneficiarias. As actuacións inclúen melloras de eficiencia enerxética, instalación de sistemas de aerotermia e placas fotovoltaicas, renovación de equipamentos informáticos, adquisición de vehículos de transporte adaptado, reformas e adecuación de sedes e melloras en aulas e talleres.

Entre as actuacións figuran as realizadas nos centros de atención diúrna de COGAMI en Fingoi, Lugo, Ferrol, Mos e Medelo, en Silleda, destinadas á mellora da eficiencia enerxética, renovación de equipamentos e adquisición de mobiliario para os talleres.

ACADAR destina os fondos á renovación e mellora dos recursos dixitais para a atención, mentres que ACEM-Santiago realiza obras de reparación e reforma da súa sede, onde se prestan terapias e se desenvolven talleres.

ADAPTA adquiriu un vehículo adaptado para o centro de Ponteareas e ADISBISMUR destinou os fondos ao equipamento de aulas e talleres do centro de Valadares.

AGORA executa obras de mellora no centro de día e nas vivendas tuteladas de Monforte, ademais de renovar equipamento e talleres e adquirir un vehículo de transporte adaptado. AMARAI mellora os medios informáticos empregados polo persoal técnico e ÁMBAR acomete obras de adecuación e mellora do seu centro de formación.

AODEMPER está a adecuar un novo local que permitirá ampliar as terapias e servizos destinados a persoas con esclerose múltiple, párkinson e enfermidades raras. ASPAMITE realiza actuacións de illamento térmico exterior do edificio para mellorar a eficiencia enerxética.

AVEMPO incorpora material para o programa de terapia ocupacional e ÍNTEGRO amplía as instalacións do centro situado en Nantón. Párkinson Ferrol adquiriu equipamento para rehabilitación, mentres que Párkinson Galicia-Coruña incorpora recursos e apoios técnicos para a atención centrada na persoa.

A Mariña-COGAMI substitúe a caldeira de gasóleo por un sistema de aerotermia e instala placas fotovoltaicas para autoconsumo no centro de Palmeiro. VONTADE, pola súa banda, realiza actuacións destinadas a mellorar a eficiencia enerxética do seu centro.

Unha rede de entidades con presenza en toda Galicia

O financiamento permite así manter e mellorar os servizos prestados polas entidades ás persoas con discapacidade e ás súas familias, tanto mediante programas de atención especializada como a través da renovación das infraestruturas e dos recursos técnicos necesarios para ofrecer unha atención centrada nas persoas.

Entre as entidades autonómicas beneficiarias figuran a Asociación Galega de Fibrose Quística (AGFQ), a Asociación Galega de Linfedema, Lipedema e Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL), a Asociación Transplantados de Medula Ósea (ASOTRAME), a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) e a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM Galicia).

Na provincia da Coruña participan Párkinson Galicia-Coruña, ACEM Coruña, ACEM Santiago, ALCER Coruña, ÁMBAR, ADISBISMUR, AMARAI, ASPAMITE, ÍNTEGRO, Párkinson Ferrol, GRUMICO, Misela e ConArtritis Santiago.

En Lugo forman parte da convocatoria AGORA, A Mariña COGAMI e ALUCEM. En Ourense, as entidades beneficiarias son ALCER Ourense, ACCU Ourense, AODEMPER e AFFOU.

Na provincia de Pontevedra participan ALCER Pontevedra, ADAPTA, AVEMPO, VONTADE, AMIZADE e ASEARPO.

En total, a convocatoria articula unha rede de proxectos e entidades que permite que os fondos da asignación tributaria do IRPF se destinen tanto á atención directa como á mellora dos centros e recursos empregados polas persoas con discapacidade en diferentes puntos de Galicia.

0.14560389518738