A XIV edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz remata con máis de 35.000 visitas

OurenseXa
Nesta edición, o proxecto gañador foi "O xardín do revés", presentado polo equipo madrileño "Esto no es un grupo de arquitectura"
Equipo de Esto no es un grupo de arquitectura
Equipo de "Esto no es un grupo de arquitectura"
20 Nov 2024

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz concluíu a súa 14ª edición cun notable éxito, superando as 35.000 persoas visitantes e reafirmándose como un evento clave en Galicia. Celebrado baixo o lema "O xardín é unha obra de arte", o festival combinou deseño, cultura e turismo, consolidándose como un motor económico e cultural para Allariz.

Segundo destacou o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, “as máis de 35.000 persoas visitantes reflicten a consolidación do Festival ao longo dos anos, converténdose nun evento anual clave para Allariz, tanto no ámbito cultural como no económico”. Ao longo das súas 14 edicións, o Festival recibiu o apoio de diversas asociacións e empresas do sector, que contribuíron ao crecemento e expansión do evento. A colaboración da Asociación Galega de Apicultura, de AGAEXAR, Garden Tours e Bomarzo foi esencial neste proceso, reforzando a presenza do Festival como un referente no ámbito do deseño paisaxístico.

Premio das persoas visitantes

O Festival tamén é coñecido pola votación popular, onde as persoas visitantes elixen o xardín que máis lles gustou. Nesta edición, o proxecto "O xardín do revés", presentado polo equipo madrileño "Esto no es un grupo de arquitectura", foi o gañador, obtendo o 49,45% dos votos. Este xardín surrealista, inspirado na arte de René Magritte, cativou ás asistentes co seu deseño onírico e misterioso, e permanecerá no recinto do Festival durante a edición de 2025.

En segundo lugar, cun 15,1% dos votos, situouse "Entra nunha obra de arte", do equipo vienés The Gallerist, mentres que o terceiro posto foi para o xardín portugués "A galería de arte", obra de Hugo e Rita, que alcanzou o 8,95% dos votos.

Convocatoria aberta para a edición 2025

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz xa lanzou a convocatoria para a súa próxima edición, que se celebrará en 2025 baixo o lema "Cambio climático: Unha oportunidade para o xardín". Actualmente, está en pleno proceso de recepción de proxectos, co prazo aberto ata o 30 de novembro. As persoas interesadas poden consultar as bases e obter máis información a través da páxina web oficial do evento.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz é un evento único no ámbito estatal que reúne cada ano a destacados deseñadores paisaxísticos para crear xardíns efémeros na localidade. Esta iniciativa transforma o municipio nun espazo visual e impresionante, ofrecendo ás persoas visitantes unha experiencia sensorial que vai máis aló do deseño e a natureza.

0.19750905036926