A Xunta aproba 2,2 millóns para a contratación do subministro de implantes de columna na área sanitaria de Ourense

OurenseXa
O contrato, cunha duración inicial de dous anos, prevé a adquisición de máis de 7.700 unidades de material sanitario
novo-paseo-verde-chuo
19 May 2026

O Consello da Xunta autorizou a contratación, por un importe de 2.206.307 euros e cunha duración inicial de dous anos, do subministro de implantes de columna destinados á área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Segundo informou o Goberno galego, o valor estimado do contrato ascende a 4.412.614 euros se se ten en conta a posible prórroga por outros dous anos adicionais.

O subministro inclúe máis de 7.700 unidades de material sanitario, entre conectores, barras, mallas, parafusos e outros elementos utilizados en cirurxías de columna, así como placas cervicais, espazadores intersomáticos, sistemas para deformidades e fracturas do adulto e dispositivos para patoloxías dexenerativas ou traumáticas.

Este tipo de material emprégase en intervencións cirúrxicas destinadas a corrixir alteracións estruturais da columna vertebral mediante implantes artificiais, co obxectivo de substituír as partes danadas, aliviar a dor e recuperar a estabilidade ou a aliñación vertebral.

A Xunta lembra que as lesións de columna constitúen un problema de saúde cada vez máis frecuente, asociado ao envellecemento da poboación, os accidentes, os sobreesforzos e as malas posturas na vida cotiá.

A cirurxía de columna permite descomprimir, fixar estruturas vertebrais e substituír elementos danados, adaptándose a cada patoloxía, xa sexa de orixe dexenerativa, conxénita, postcirúrxica ou traumática.

0.11880993843079