A Xunta autoriza dous convenios para impulsar investimentos en Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía

O Consello da Xunta aprobou este luns dous acordos que permitirán desenvolver novos investimentos nos concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía, a través de convenios de colaboración con distintas consellerías do Goberno galego.
No caso de Baños de Molgas, o Executivo galego autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o Concello para executar o proxecto dunha nave municipal destinada aos servizos de medio ambiente e emerxencias.
A actuación contará cun investimento total de 291.101,56 euros e ten como obxectivo dotar ao municipio dun espazo específico para mellorar a organización e o funcionamento destes servizos municipais.
Pola súa banda, en Xunqueira de Ambía, o Consello da Xunta deu luz verde á formalización dun acordo de cooperación entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello para acometer as obras de acondicionamento da canella Jorge Alberto Ferreiro e da praza da Eiriña.
O importe previsto para esta intervención ascende a 271.245,46 euros, que se destinarán á execución destas actuacións de mellora no espazo urbano do municipio.