A Xunta desbloquea o retorno dos praceiros á Praza de Abastos nº1 de Ourense
A Xunta de Galicia cofinanciará as obras da Praza de Abastos nº1 de Ourense para reactivar a actividade nesta infraestrutura estratéxica para a cidade de Ourense coas máximas garantías para comerciantes, veciños, Concello e a propia cidade. Deste xeito, o Goberno autonómico contribuirá a facilitar e realizar nas mellores condicións o traslado dos comerciantes desde a súa actual localización provisional, na Alameda e dá continuidade ao seu compromiso para retomar a actividade neste mercado.
Para poder avanzar nesta folla de ruta, o Goberno galego incide na necesidade de axilizar o máximo posible a entrega e recepción das obras que se están a realizar no interior e exterior do mercado. Nesta cuestión traballa o Concello de Ourense e é fundamental para que os técnicos dos gobernos municipal e autonómico, así como dos propios praceiros, poidan rematar de perfilar o cronograma de actuacións e orzamentos necesarios e acometer a seguinte fase da obra, que debe culminar co traslado dos praceiros ao edificio histórico.
Así o trasladou recentemente o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, nunha xuntanza co alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, e co presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais da Praza de Abastos nº1 de Ourense, Emilio González, na que tamén estivo o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, entre outros, e na que fixeron seguimento e avaliaron os seguintes pasos a dar para continuar avanzando e axilizar o reinicio da actividade neste edificio histórico.
Dentro desa vontade de colaboración institucional da Xunta, tamén se enmarca a elaboración do plan funcional, financiado polo Executivo autonómico e xa rematado e entregado -en menos dun mes, prazo estipulado cando se asinou o convenio para a súa elaboración o pasado 3 de xullo- tras ser aprobado polos praceiros. Este documento foi clave para poder avanzar neste proceso, que desembocará nas obras que permitan o traslado dos comerciantes ao edificio histórico con todas as garantías.
O plan funcional
O propio plan funcional da Praza de Abastos nº1 de Ourense sinala a necesidade de realizar a entrega e recepción das obras que se están a desenvolver na praza para seguir avanzando. Este documento elaborouse atendendo ás propostas dos comerciantes e en coordinación directa cos técnicos municipais, sempre tendo en conta as singularidades e potencialidades do mercado e incluíndo nel aspectos básicos como a disposición dos postos, as necesidades de electrificación e ventilación, ou a valoración doutras cuestións fundamentais como a reforma do Rianxo ou melloras no eido da accesibilidade.
O traballo realizado pola Xunta neste mercado de Ourense concorda coa aposta que está realizando a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para impulsar as prazas de abastos nas cidades e vilas galegas como motores fundamentais do comercio de proximidade, actores chave na vertebración e dinamización do territorio.