A Xunta destaca o apoio ao emprendemento feminino con máis de 560.000 euros destinados á provincia de Ourense

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este luns o espazo Art Dritt Studio, na cidade de Ourense, para poñer en valor o apoio autonómico ao emprendemento feminino a través do programa Emega. Na provincia, esta iniciativa permitiu destinar máis de 560.000 euros a 54 proxectos impulsados por mulleres durante 2025, contribuíndo á creación ou mantemento de 61 postos de traballo femininos.
Durante a visita, Pardo lembrou que continúa aberto, ata o vindeiro 3 de agosto, o prazo para solicitar as axudas da nova convocatoria do programa, que conta cun orzamento superior aos cinco millóns de euros. Segundo explicou, o obxectivo é reforzar a iniciativa empresarial das mulleres e contribuír a reducir as fendas de xénero mediante o apoio a novos proxectos.
O representante da Xunta sinalou que a previsión é financiar máis de 350 iniciativas en toda Galicia e favorecer a creación de arredor de 800 empregos.
Art Dritt Studio foi un dos proxectos beneficiarios da convocatoria de 2025, ao recibir unha subvención de 10.000 euros destinada á creación dun novo posto de traballo por conta propia.
Manuel Pardo explicou que o programa Emega inclúe liñas de apoio para a creación, consolidación e mellora de empresas promovidas por mulleres, ademais de medidas orientadas a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e servizos de asesoramento e orientación empresarial para impulsar a implantación e consolidación das iniciativas.
Na concesión destas axudas, segundo destacou o delegado, préstase especial atención ás mulleres que emprenden no rural para contribuír á fixación de poboación, ás maiores de 55 anos polas dificultades de acceso ao mercado laboral por conta allea e ás emprendedoras que desenvolven a súa actividade en sectores tradicionalmente masculinizados.
O programa tamén promove o traballo en rede entre emprendedoras mediante encontros, procesos de titorización e mentorización, co obxectivo de favorecer novas colaboracións e fortalecer proxectos empresariais conxuntos.
A convocatoria mantén as catro modalidades existentes en edicións anteriores. A liña Emega Emerxe contempla axudas de ata 22.000 euros para apoiar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego estable. Emega Impulsa ofrece subvencións de ata 17.000 euros para favorecer a consolidación de empresas constituídas por mulleres e a incorporación de medidas innovadoras. Pola súa banda, Emega Innova alcanza os 42.000 euros para proxectos de base científica ou tecnolóxica.
Ademais, o programa inclúe Emega Concilia, unha axuda complementaria de ata 5.000 euros destinada a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral tanto das promotoras como das persoas contratadas. Estas subvencións están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027.