A Xunta destina 1 millón de euros nas contas de 2025 para cofinanciar as obras da Praza de Abastos nº1 de Ourense
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, avanzou que o Goberno galego destina unha partida específica de 1 millón de euros nos orzamentos de 2025 para cofinanciar as actuacións que reactivarán a Praza de Abastos nº1 de Ourense. Trátase dun paso máis dentro do compromiso da Xunta para desbloquear o retorno dos praceiros e reabrir canto antes esta infraestrutura con todas as garantías para os comerciantes e a cidade.
Unha cuestión, subliñou, na que o Goberno galego traballa en colaboración do Concello e cos comerciantes e que desembocará na reapertura deste espazo emblemático, transformado nun Mercado Excelente. Neste ámbito, fixo fincapé na aposta da Xunta por estes espazos que terán un importante papel dentro do novo Plan estratéxico do comercio local galego, que se presentará no primeiro trimestre do 2025.
Así o destacou durante a visita realizada hoxe á praza de abastos provisional, onde estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; polo director xeral Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández. Alí tamén estiveron a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa, o presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais da Praza de Abastos nº1 de Ourense, Emilio González, concelleiros e parlamentarios.
Ademais, salientou a atención nas contas do próximo ano da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, de 497 millóns de euros en total, a potenciar en Galicia o emprego de calidade, as oportunidades laborais, a atracción de talento ou o apoio ao comercio local.
Todo isto enmárcase, expuxo, nuns orzamentos da comunidade que con 13.954 millóns de euros son os máis altos da historia de Galicia, destinando por primeira vez máis de 10.000 millóns de euros ao gasto social.
Apoio ao emprendemento
Unhas apostas nas que a provincia de Ourense ten a súa cota importante de protagonismo e coas que tamén se dará pulo aos polos de emprendemento, investindo preto de 500.000 euros nos catro que están activos na provincia -Carballiño, Verín, Molgas e O Barco-.
Sinalou a maiores que se implementarán novas medidas de apoio aos emprendedores vencelladas a esta rede, co foco especialmente posto no noso rural. Outro vínculo deste ámbito con Ourense é o plan que o Executivo galego ten en marcha ao abeiro desta rede para impulsar a modalidade de colivings co fin de atraer talento de nómades dixitais e que ten un núcleo en Sende (Lobeira).