A Xunta destina preto de 1,3 millóns aos centros especiais de emprego de Ourense

OurenseXa
Con esta liña de axudas o Goberno galego busca contribuír ao mantemento de 217 postos de traballo
manuel-pardo-aixiña
18 May 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este luns as instalacións da Asociación Aixiña, un dos 13 centros especiais de emprego da provincia beneficiarios da liña de axudas autonómicas destinada ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras con discapacidade.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou este ano preto de 1,3 millóns de euros a estes centros ourensáns, co obxectivo de contribuír ao mantemento de 217 postos de traballo. No caso concreto de Aixiña, a entidade recibiu máis de 700.000 euros para financiar o custo salarial de 105 empregos.

Durante a visita, Manuel Pardo lembrou que continúa aberto ata o vindeiro 29 de maio o prazo para solicitar unha nova convocatoria destas axudas, dotada con máis de 24,4 millóns de euros. Segundo explicou, esta liña permitirá cubrir entre o 50 % e o 65 % do salario mínimo interprofesional, cun límite máximo de 2,9 millóns de euros por centro solicitante. Ademais, as entidades poderán recibir anticipos de ata o 100 % da contía concedida.

O delegado territorial destacou o papel dos centros especiais de emprego como ferramentas clave para favorecer a inserción laboral das persoas con discapacidade e avanzar cara a unha sociedade “máis xusta e inclusiva”. Tamén incidiu no compromiso da Xunta co impulso da economía social e cun modelo que, segundo sinalou, contribúe á xeración de emprego de calidade e á cohesión territorial.

A orde de axudas para 2026 inclúe tamén outros dous programas específicos dirixidos a estes centros. Un deles, cun orzamento próximo aos 1,6 millóns de euros, está destinado a financiar os custos salariais e de Seguridade Social do persoal das unidades de apoio, encargadas de acompañar ás persoas con maiores dificultades de inserción laboral.

O segundo programa, dotado con máis de 1 millón de euros, busca fomentar a creación de emprego estable e mellorar as condicións laborais nos centros especiais de emprego. As axudas inclúen incentivos á contratación indefinida vinculados a investimentos en activo fixo, como maquinaria, equipamentos informáticos ou acondicionamento de instalacións.

A contía base será de 10.000 euros por cada posto creado a xornada completa, podendo chegar ata os 25.000 euros no caso de contratacións de colectivos prioritarios, como mulleres, persoas en risco de exclusión social ou emigrantes retornados, así como para centros situados no medio rural.

A convocatoria incorpora tamén apoios para a adaptación de postos de traballo e a eliminación de barreiras arquitectónicas, cun máximo de 1.800 euros por posto, ademais de axudas de asistencia técnica de ata 15.000 euros por entidade para apoiar a creación, mantemento ou mellora da xestión dos centros.

Manuel Pardo enmarcou esta convocatoria na Estratexia Galega da Economía Social Horizonte 2027 e asegurou que consolida a aposta do Goberno galego “por un emprego inclusivo, estable e de calidade”.

0.1313488483429