A Xunta e a Deputación de Ourense abordan o anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e con representantes do organismo provincial para analizar as súas achegas ao anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia.
O encontro insírese no proceso de escoita e diálogo institucional que está a desenvolver a Xunta para enriquecer o texto normativo con propostas de diferentes entidades. Neste marco, xa se celebraron reunións similares coa Deputación de Lugo e con representantes dos colexios profesionais de secretarios, interventores e tesoureiros da Administración local (Cosital) das catro provincias galegas.
Segundo trasladou a Administración autonómica, o anteproxecto da nova lei nace dun proceso participativo no que se incorporaron boa parte das demandas do municipalismo galego. Durante a tramitación actual, a Xunta continúa a analizar as achegas recibidas co obxectivo de incluír aquelas que teñan carácter construtivo e acadar o maior consenso posible.
Tras esta fase de revisión, o texto será aprobado polo Consello da Xunta como proxecto de lei e remitido ao Parlamento de Galicia, onde continuará a súa tramitación e poderá seguir incorporando modificacións.
No que respecta ao papel das deputacións, o anteproxecto considera estes organismos como unha peza clave no sistema local, co obxectivo de reforzar a súa capacidade para garantir a prestación de servizos, especialmente nos concellos de menor tamaño ou con menos recursos.
A reforma tamén incorpora medidas orientadas á modernización da organización e funcionamento das entidades locais, así como disposicións específicas para concellos en situación de reto demográfico. Ademais, recóllense propostas vinculadas á fusión voluntaria de municipios, á cooperación intermunicipal a través de mancomunidades ou áreas funcionais, e a un novo sistema de participación municipal nos tributos autonómicos baseado en criterios como a dispersión ou o envellecemento da poboación.
A Xunta lembra tamén que, dentro das súas competencias, está a incrementar de forma progresiva o financiamento local. Neste exercicio, o Fondo de Cooperación Local acada os 187 millóns de euros, mentres que o conxunto das transferencias aos concellos supera os 670 millóns.
O anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia pretende constituír unha reforma integral da normativa vixente, coa que se busca adaptar o marco xurídico á realidade demográfica actual e dotar ás entidades locais de novas ferramentas para afrontar os desafíos do século XXI.