A Xunta elimina catro escolas unitarias en Boiro, Mesía, Taboadela e Portas e constrúe tres novos centros

GaliciaXa | OurenseXa
Paralelamente, refórzanse as infraestruturas educativas nas zonas con maior demanda coa construción do novo colexio do Milladoiro, en Ames, e dos institutos de Navia, en Vigo, e do Pereiro de Aguiar
Imaxe recurso de nenos indo ao colexio
24 Jul 2026

A Xunta de Galicia adapta o mapa escolar á evolución demográfica de cada zona para o vindeiro curso 2026/27, o que implica que deixarán de funcionar catro unitarias por falta de alumnos. Pola contra, para atender á crecente demanda de matrícula, constrúense tres novos centros e están en marcha ou en previsión once obras de ampliación de infraestruturas educativas.

Así pois, debido á matrícula insuficiente e sen previsión de incremento, este vindeiro curso deixarán de funcionar as escolas de Educación Infantil de Olas en Mesía (5 matrículas), de Taboadela (1 matrícula) e de Lantaño en Portas (3 matrículas) e o Colexio de Pazos-Comoxo en Boiro (2 matrículas). Estas unitarias, cuxa relación se publicará no Diario Oficial de Galicia proximamente, non acadan o número mínimo de alumnos para a súa continuidade.

Paralelamente, a Xunta está a reforzar as infraestruturas educativas naquelas zonas onde se constata unha demanda crecente de matrícula. Este é o caso de tres centros de nova construción como son o novo Colexio CEIP de Milladoiro en Ames (11,6 M€), e os institutos IES Domingo Villar en Vigo (17,8 M€) e do Pereiro de Aguiar (9,5 M€). Así mesmo, o Goberno galego ten xa en marcha ou en previsión 11 obras de ampliación de centros educativos en Santiago de Compostela, Lugo, Viveiro, Ourense, Caldas de Reis, Lalín ou Vilagarcía de Arousa, entre outros.

0.12352705001831