A Xunta entrega os premios da campaña “Merca no teu comercio” no barrio do Couto

OurenseXa
A segunda quenda desta iniciativa seguirá aberta até o 30 de maio no barrio da Ponte e nos concellos de Bande, Entrimo, Lobios e Muíños
premios-merca-no-teu-comercio-a-ponte
22 May 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta tarde no barrio do Couto, en Ourense, no acto de entrega de premios da iniciativa “Merca no teu comercio”, unha campaña impulsada en colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio.

Durante o acto, Alén destacou a importancia deste tipo de accións para fortalecer o comercio de proximidade, especialmente nos barrios e nas localidades rurais. Segundo sinalou, a iniciativa continúa en 2025 cun percorrido por 40 municipios galegos que non contan con centros comerciais abertos, chegando a máis de 60 asociacións de comerciantes.

Na actualidade está en marcha a segunda quenda da campaña, que se desenvolve ata o 30 de maio. Esta fase dá continuidade á primeira, realizada entre o 1 e o 15 deste mes, cuxos premios foron entregados no evento celebrado no Couto.

Na provincia de Ourense, esta segunda fase está activa no barrio da Ponte e nos concellos de Bande, Entrimo, Lobios e Muíños. Tamén se está a desenvolver noutras localidades galegas, como Fene, Narón, Padrón, Dodro e Rois na provincia da Coruña; A Fonsagrada, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Quiroga e Ribas de Sil en Lugo; e Silleda, Forcarei, Vila de Cruces e A Guarda en Pontevedra.

Os premios que se reparten ao final de cada quenda consisten en 20 tarxetas regalo de 50 euros. Para participar, é necesario rexistrar as compras na web www.mercanoteucomercio.com, e os comerciantes tamén poden validar as operacións, o que aumenta as posibilidades de participación dos clientes. En 2025, a campaña xa rexistrou máis de 92.000 participacións en distintos concellos galegos.

0.13333606719971