A Xunta entrega unha vivenda pública en alugueiro no Concello da Peroxa

Unha nova inquilina xa conta coas chaves dunha vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro situada na rúa Urbanización Villermá, no Concello ourensán da Peroxa. A entrega realizouse esta mañá nun acto no que participaron representantes tanto autonómicos como municipais.
O inmoble ten unha superficie de 90 metros cadrados, distribuídos en tres dormitorios, ademais de garaxe e rocho. A beneficiaria xa pode instalarse na vivenda, pola que pagará unha renda mensual calculada en función dos seus ingresos.
Durante a visita destacouse que este tipo de actuacións se integran dentro das diferentes liñas de apoio que o Goberno galego mantén activas co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda á cidadanía. Así mesmo, explicouse que cando unha vivenda deste tipo queda baleira, se axilizan os trámites administrativos para poñela á disposición dun novo usuario coa maior rapidez posible.
Neste sentido, lembrouse que calquera persoa interesada en optar a este tipo de recurso habitacional debe inscribirse previamente no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, un trámite cuxo prazo permanece aberto durante todo o ano.
Por último, salientouse que actualmente existen dúas convocatorias de axudas vixentes relacionadas co acceso á vivenda. Por unha banda, o vindeiro 16 de novembro remata o prazo para solicitar as axudas destinadas á compra ou autopromoción de vivenda por parte de persoas menores de 36 anos en concellos de ata 10.000 habitantes. Pola outra, o 30 de novembro péchase o prazo para pedir o Bono de Alugueiro Social.