A Xunta espera licitar as obras da Ronda Leste de Ourense ao longo deste ano

OurenseXa
Infraestruturas salienta no Parlamento o avance das actuacións de mobilidade e seguridade viaria na cidade
comision-infraestructuras
6 Jun 2026

A Xunta de Galicia prevé licitar ao longo deste ano as obras da futura Ronda Leste de Ourense, unha actuación clave para completar a circunvalación sur da cidade e mellorar a mobilidade no seu entorno. Así o avanzou a directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza, na súa intervención na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia.

Deza destacou o compromiso do Goberno galego co reforzo das infraestruturas na cidade das Burgas, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e avanzar cara a unha mobilidade máis sostible e eficiente.

Durante a súa comparecencia, repasou distintas actuacións executadas nos últimos anos na cidade e na súa contorna, como o itinerario peonil e ciclista entre Os Remedios e Expourense, cun investimento de 3,8 millóns de euros, a senda da avenida das Caldas, con 1,4 millóns, ou as intervencións na OU-101 en Montealegre, con 1,5 millóns de euros, ademais doutras melloras na OU-536 na Derrasa.

Tamén lembrou a recente adxudicación da nova senda na OU-402 ao seu paso por Reza, dun treito de case 2,7 quilómetros, o que permite alcanzar máis de 16 quilómetros de sendas nas estradas autonómicas da comarca de Ourense, cun investimento global de arredor de 8 millóns de euros.

A responsable autonómica tamén fixo referencia á nova senda peonil e ciclista que conectará a estación intermodal, a Ponte Vella e Expourense, articulando un eixo de mobilidade norte-sur a través da avenida das Caldas e o río Barbaña.

No que respecta á Ronda Leste, explicou que se trata dun proxecto cun investimento superior aos 9 millóns de euros e cunha lonxitude de máis de 1,5 quilómetros entre Bemposta e o enlace coa N-525, co obxectivo de conectar os municipios de Ourense e San Cibrao das Viñas. Esta infraestrutura permitirá desviar tráfico do centro urbano, reducindo a presión en vías como Marcelo Macías ou a avenida de Zamora, ademais de mellorar os tempos de desprazamento.

A Xunta tamén traballa na redacción do proxecto de trazado do novo vial de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) desde a N-525.

Ademais, Deza puxo en valor as actuacións de conservación viaria que se están a executar e programar en distintas rúas do municipio, entre elas Progreso, Río Arnoia, Emilia Pardo Bazán, Velázquez, Bispo Lorenzo, A Coruña, Peña Trevinca, Sáenz Díez, Seixalbo, avenida de Buenos Aires, Isaac Piñeiro Varela, Pena do Vado, Ponferrada, A Granxa e avenida de Zamora.

A directora da AXI concluíu destacando que a Xunta continúa a traballar na mellora da rede viaria da área de Ourense para impulsar estradas máis eficientes, seguras e sostibles.

0.12596702575684