A Xunta impulsará un novo pasteiro de 29 hectáreas en Xunqueira de Espadanedo

A Consellería do Medio Rural desenvolverá un novo pasteiro no concello de Xunqueira de Espadanedo, en terreos pertencentes ao monte veciñal en man común de Barrio, Carballeira e Casanova, cun investimento próximo aos 190.000 euros. Así o anunciou este venres a conselleira María José Gómez durante un encontro con gandeiros da zona celebrado no marco da II Mostra de Gando da localidade.
A actuación permitirá habilitar unha superficie de 29 hectáreas destinadas ao aproveitamento gandeiro. Os traballos previstos inclúen rozas, encalado, abonado e sementado das parcelas, ademais da construción dun peche gandeiro, a instalación de portas, unha manga de manexo e un bebedoiro.
Segundo destacou a titular de Medio Rural, esta infraestrutura permitirá aos veciños “contar con máis base territorial para o seu gando”, ao tempo que contribuirá ao control da vexetación e á prevención de incendios forestais.
María José Gómez sinalou tamén que os pasteiros representan “un modelo de aproveitamento do territorio sustentable e compatible coa preservación do patrimonio natural” e que, ademais, favorecen o impulso da gandaría en extensivo.
A conselleira reafirmou a intención da Xunta de continuar promovendo este tipo de iniciativas en colaboración cos propietarios dos montes, co obxectivo de avanzar cara a “un rural máis produtivo, protexido e con futuro”. Neste sentido, lembrou que ao longo deste ano está prevista a posta en marcha doutros novos pasteiros nas catro provincias galegas, entre eles o anunciado recentemente en Viveiro.
O proxecto forma parte do Plan de Pastos de Galicia, unha iniciativa coa que a Xunta mobilizou desde 2020 preto de 2.500 hectáreas repartidas en 106 pasteiros, cun investimento global que ronda os 15 millóns de euros.