A Xunta instala unha nova pasarela peonil en Cudeiro paralela á ponte da OU-150

A Xunta de Galicia avanza na instalación dunha nova pasarela peonil na parroquia ourensá de Cudeiro, unha infraestrutura paralela á ponte da estrada OU-150 sobre o rego Val dos Gozos na que se invisten máis de 435.000 euros.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este mércores os traballos de colocación da estrutura metálica do novo paso peonil.
A pasarela contará cunha lonxitude de 60 metros e permitirá unir dous treitos da OU-150 que xa dispoñían de senda e beirarrúas, creando así un itinerario continuo para os peóns.
Durante a visita, Allegue destacou o proceso de montaxe da infraestrutura, explicando que a estrutura chega fabricada por partes co obxectivo de reducir os tempos de instalación. Para a súa colocación estanse a empregar dúas autogrúas e, segundo explicou, primeiro instalouse o apoio central para despois ensamblar os dous vans que compoñen o paso. “Gústanos comprobar como se materializan proxectos, como pasan do plano á realidade”, afirmou a conselleira, quen tamén puxo en valor o uso de materia prima “de Galicia calidade”.
A estrutura da pasarela está construída en aceiro, mentres que o pavimento e os pasamáns serán de madeira de piñeiro. Ademais, os estribos contarán cun revestimento de coieira para favorecer a integración estética coa ponte existente e coa contorna natural.
Desde a Xunta sinalan que esta actuación busca reforzar a seguridade viaria e fomentar a mobilidade sostible, permitindo que os peóns poidan desprazarse pola zona sen necesidade de cruzar a ponte pola calzada. A conselleira tamén destacou o carácter “moderno e sostible” do deseño da infraestrutura.
Os traballos obrigaron a cortar o tráfico na ponte desde o pasado martes para poder desenvolver a montaxe con seguridade. Está previsto que a circulación quede restablecida este venres 15 de maio.
Tras a instalación principal da estrutura, quedarán pendentes actuacións na varanda, nas canalizacións e na colocación do pavimento de madeira. O proxecto inclúe tamén iluminación específica para a pasarela e canalizacións de telecomunicacións. A previsión da Xunta é que a actuación quede rematada entre finais de xuño e comezos de xullo.