A Xunta avanza no proxecto de construción de máis de 1.600 viviendas no Vinteún
A Xunta licita este venres 29, por un importe de 2,6 millóns de euros, a redacción dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento de solo residencial para as primeiras 15.000 vivendas previstas na Estratexia Galega de Solo Residencial, concretamente nos concellos de Vigo, Pontevedra, Santiago, Ourense, Lugo, Coruña e Arteixo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, deu a coñecer hoxe os ámbitos destes concellos onde se desenvolverá solo, cunha superficie total de 1,5 millóns de metros cadrados, e cunha previsión de iniciar no 2028 as obras de urbanización nas parcelas onde se construirá vivenda.
M. Allegue lembrou que a Estratexia Galega de Solo Residencial, aprobada polo Consello da Xunta en xuño deste mesmo ano, prevé desenvolver solo para 25.000, das que 20.000 serán protexidas e 5.000 libres. “Unha estratexia -subliñou a conselleira- que permitirá seguir construíndo vivenda de xeito continuo nos vindeiros anos. Porque somos conscientes da inquedanza que produce nas familias, nos mozos, a falta de vivenda. E como administración debemos garantir o acceso a unha vivenda digna, a un prezo accesible”.
A Xunta dá un novo paso no marco da primeira fase da Estratexia coa determinación dos ámbitos urbanísticos nos que se construirán estas primeiras vivendas e a licitación da redacción dos PIA, baixo os que se tramitará o solo e a adquisición dos terreos. Esta licitación, que foi aprobada no Consello da Xunta o pasado luns, inclúe a redacción dos proxectos de interese autonómico, do proxecto de expropiación e de parcelamento para a obtención de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas protexidas nos citados concellos.
En concreto, en Ourense, construiranse 1.640 vivendas na zona Escorial-Vinteún. A previsión da Xunta é ter adxudicados os contratos de redacción dos proxectos ao longo do próximo 2025, co obxectivo de aprobar os PIA en xullo de 2026 e iniciar a continuación o proceso de expropiacións, entre ese ano e 2027. Os proxectos de urbanización redactaranse entre febreiro e novembro de 2026 e, finalmente, as obras de urbanización comezarán no 2028.