A Xunta licitará por máis dun millón de euros a rehabilitación integral do CEIP Manuel Luís Acuña de Ourense

A Xunta de Galicia licitará este ano a rehabilitación integral do CEIP Manuel Luís Acuña, en Ourense, cun investimento superior ao millón de euros. A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2024-2028 e foi anunciada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, durante unha visita ao centro educativo para supervisar as obras de renovación dun dos vestiarios situados na planta semisoto.
Segundo explicou o representante autonómico, o proxecto da rehabilitación integral está practicamente rematado e a previsión é tramitar a licitación como anticipado de gasto ao longo deste ano. O calendario previsto contempla a adxudicación das obras nos primeiros meses de 2027, o inicio dos traballos posteriormente e a súa finalización a comezos de 2028.
A intervención incluirá a renovación completa dos 1.205 metros cadrados de cuberta de fibrocemento e tella, que serán substituídos por paneis sándwich, así como o illamento de máis de 1.090 metros cadrados do forxado situado baixo a cuberta.
O proxecto tamén recolle actuacións para mellorar a accesibilidade ao centro, entre elas a adecuación do acceso peonil á parcela desde a rúa Hórreo e a corrección da pendente nun tramo da beirarrúa que rodea o edificio.
Manuel Pardo destacou que esta actuación xa figuraba na planificación da Consellería de Educación dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2024-2028, unha iniciativa destinada a adaptar os centros educativos ás novas necesidades técnicas, educativas e pedagóxicas. Segundo sinalou, estas intervencións “apostan por un modelo de centros ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte...”.
Durante a visita, o delegado territorial tamén comprobou o avance das obras de reforma dun dos vestiarios do centro, unha actuación na que a Consellería de Educación inviste preto de 37.000 euros.
O obxectivo destes traballos é transformar os actuais vestiarios en dous aseos destinados ao alumnado durante os recreos. As obras inclúen a demolición dos tabiques interiores que separaban duchas e inodoros, así como a retirada do alicatado deteriorado.
Ademais, estase a substituír o equipamento sanitario existente mediante a instalación de novos inodoros e lavabos, xunto coa renovación das redes de saneamento, fontanería e electricidade, incorporando tamén un novo sistema de iluminación.
A Xunta lembra que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica acumula xa 3.369 actuacións mobilizadas en Galicia, cun investimento superior aos 369 millóns de euros.
Segundo os datos facilitados, 2.927 obras xa están rematadas, o que representa o 86,9 % do total previsto. Ademais, este verán están en execución 390 actuacións, das que 61 corresponden a grandes obras e 329 ao Plan Ben_Estar, mentres que outras cincuenta actuacións xa están comprometidas.
A Administración autonómica asegura que este programa permite avanzar na modernización das infraestruturas educativas e contribuír a ofrecer un ensino de calidade en todo o territorio galego.