A Xunta responde a Jácome e asegura que o delegado territorial manterá proximamente un encontro co rexedor

OurenseXa
Sinalan que o organismo autonómico mantén un “compromiso permanente co benestar da cidadanía de Ourense e de Galicia”
concello-ourense-recurso
15 Feb 2025

A Xunta de Galicia responde ás acusacións do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras asegurar que os representantes do goberno galego ignoran as súas peticións de manter un encontro coa institución local.

Dende a Xunta sinalan que “a través das distintas consellerías ou da Delegación Territorial ten sempre abertas as canles de comunicación con todos os organismos e entidades a prol das diferentes demandas da veciñanza tanto da cidade como da provincia; e de feito, ao longo destes derradeiros meses xa foi atendendo e resolvendo as demandas puntuais como por exemplo, o da Praza de Abastos”.

A Xunta de Galicia asegura manter un “compromiso permanente co benestar da cidadanía de Ourense e de Galicia e así se demostra no día a día nas distintas actuacións que está levar a cabo a Administración autonómica na cidade e na provincia”.

Ademais, explican que o delegado territorial da Xunta manterá proximamente unha reunión co alcalde de Ourense “tal como estaba previsto na actividade do representante do Goberno autonómico na provincia como así ven facendo co resto dos representantes municipais”.

0.16602802276611