A Xunta sitúa a Ourense ao CECIGA como futuros referentes da ciberseguridade en Galicia

OurenseXa
O Centro de Ciberseguridade de Galicia acollerá a aula-laboratorio de referencia na Comunidade nos estudos de ciberseguridade na Formación Profesional
encontro-cibergal-ourense
9 Jun 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, salientou hoxe o papel que xogarán Ourense e o Centro de Ciberseguridade de Galicia (Ceciga) no impulso desta área estratéxica, que considerou fundamental para avanzar na soberanía dixital e na especialización tecnolóxica.

Durante a inauguración da xornada “Ciberseguridade Aplicada, protexendo ás empresas galegas nun mundo dixital”, Corgos enmarcou este desenvolvemento dentro dunha estratexia máis ampla de distribución de polos tecnolóxicos en Galicia. Neste sentido, sinalou que “cando falamos de intelixencia artificial, pensamos na Coruña, onde logramos que se instalara a Axencia Estatal de Supervisión de IA e onde consolidamos a Cidade das TIC; cando falamos de telecomunicacións, pensamos en Vigo; cando falamos de vehículos aéreos non tripulados, pensamos en Lugo; e, cando falamos de ciberseguridade, pensamos en Ourense, onde se está a construír o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia”, destacando que a súa posta en marcha permitirá situar a comunidade “á vangarda na protección fronte ás ameazas dixitais”.

O conselleiro lembrou tamén o investimento realizado pola Xunta neste ámbito, que desde 2022 rolda os 45 millóns de euros en actuacións de ciberseguridade na Administración autonómica.

Así mesmo, puxo en valor a colaboración público-privada a través do Nodo CIBER.GAL, unha estrutura da que forman parte máis de medio cento de empresas, así como universidades e centros de investigación, e cuxa actividade se desenvolverá en Ourense co obxectivo de reforzar a resposta conxunta fronte aos retos da seguridade dixital.

No marco do programa RETECH, no que Galicia participa a nivel estatal, Corgos destacou a creación dunha rede de laboratorios e centros demostradores en ciberseguridade, orientados a ámbitos como o vehículo autónomo ou os sistemas aéreos non tripulados. Ademais, sinalou que Ourense acollerá unha aula-laboratorio de referencia para os estudos de Formación Profesional nesta materia.

Por último, o conselleiro referiuse ás accións de sensibilización impulsadas pola Xunta sobre riscos asociados ás tecnoloxías, que xa chegaron a máis de dous millóns de persoas, así como a programas de formación e adquisición de competencias dirixidos ao tecido empresarial.

“En definitiva, estamos a falar de todo un conxunto de actuacións para situar a Galicia á vangarda no eido da protección fronte ás ameazas que conleva o continuo desenvolvemento das tecnoloxías dixitais”, concluíu.

0.14641094207764