A Xunta supervisa as obras dunha nova praza na Pousada, no concello da Peroxa

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao concello da Peroxa para comprobar o estado das obras de construción dunha nova praza no núcleo da Pousada, acompañado polo alcalde, Manuel Seoane.
A actuación conta cun investimento de 35.000 euros por parte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, ao abeiro da orde de axudas correspondente ao ano 2025 destinada á creación e mellora de infraestruturas e equipamentos municipais.
Durante a visita, o delegado territorial lembrou que a Xunta vén de convocar unha nova edición destas axudas, dotada cun orzamento de 3,5 millóns de euros e dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 4 de maio, podendo presentarse tanto de maneira individual como conxunta entre varias entidades locais.
Pardo explicou que cada concello pode rexistrar un máximo de dúas solicitudes, sempre que “unha delas sexa individual e outra conxunta e para actuacións diferentes”, e sinalou que cada petición debe corresponderse cun único proxecto.
As subvencións inclúen actuacións como a mellora do alumeado público, a pavimentación de camiños municipais ou obras en prazas, parques, paseos e rúas, así como a creación ou rehabilitación de edificios destinados á prestación de servizos públicos e a mellora da súa accesibilidade.
O delegado tamén indicou que estas axudas poden cubrir ata o 80 % do custo das actuacións, cun límite de 40.000 euros para proxectos individuais e de 50.000 euros no caso de iniciativas conxuntas.
Segundo destacou, esta liña de financiamento busca “impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais” a través da colaboración cos concellos, co obxectivo de favorecer a fixación de poboación e o equilibrio territorial.
En relación coa convocatoria anterior, Pardo sinalou que na provincia de Ourense se destinaron máis de 900.000 euros para financiar 28 actuacións en 24 concellos e catro agrupacións municipais.