A XVI Andaina Solidaria de Armariz destinará a súa recadación a apoiar a inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A cita celebrarase o 1 de agosto e os fondos obtidos coas inscricións contribuirán aos proxectos que desenvolven Adido e o Centro Especial de Emprego de Iniciativa Social Aspamadis
andaina-armariz
22 Jul 2026

A Asociación de Veciños San Cristóbal de Armariz celebrará o vindeiro 1 de agosto a décimo sexta edición da súa Andaina Solidaria, unha iniciativa que combina deporte, convivencia e solidariedade e que nesta ocasión destinará a súa recadación a apoiar o labor de Adido e do Centro Especial de Emprego de Iniciativa Social Aspamadis.

A entidade beneficiaria leva dez anos traballando na provincia para favorecer a inclusión das persoas con discapacidade intelectual a través do acceso ao emprego e do desenvolvemento de proxectos orientados á súa integración social e laboral.

Desde Adido e Aspamadis, tanto as familias como o equipo de profesionais, agradeceron á Asociación de Veciños San Cristóbal de Armariz que destinase a recadación desta edición á súa actividade, así como o apoio das entidades colaboradoras que fan posible a organización da andaina.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata o 29 de xullo na Oficina de Turismo de Luintra, no establecemento Hada Madrina das Galerías Parque de San Lázaro de Ourense, en Sercos Servicios Cosméticos, na rúa Santo Domingo de Ourense, ou nas instalacións de Adido-Aspamadis, na rúa Peña Trevinca da cidade.

A organización destaca que esta actividade vai máis alá do percorrido a pé, xa que cada inscrición supón unha achega directa aos programas que impulsan oportunidades para as persoas con discapacidade intelectual, promovendo a súa autonomía e favorecendo unha sociedade con maior igualdade de oportunidades.

Ademais, salienta que a implicación de asociacións veciñais, entidades sociais, familias e cidadanía converte esta convocatoria nun exemplo de colaboración para impulsar valores como a solidariedade, a participación e a inclusión.

As persoas que non poidan asistir á andaina tamén poderán colaborar mediante o aboamento da cota de inscrición, fixada en oito euros, contribuíndo igualmente ao financiamento dos proxectos impulsados por Adido e Aspamadis.

0.14248394966125