A XXVI Andaina e o IV Trail de Allariz xa teñen data de celebración

OurenseXa
Serán o domingo 8 de xuño e contarán con máis modalidades que nunca, adaptadas a todas as idades e niveis de condición física
presentacion-andaina-trail-allariz-2025
22 Apr 2025

O domingo 8 de xuño de 2025, Allariz acollerá a XXVI edición da súa tradicional Andaina e o IV Trail, un evento deportivo que, ano tras ano, se consolida como unha das citas máis importantes para as persoas afeccionadas ao deporte e á natureza na provincia. A proba será unha verdadeira festa do deporte, permitindo ás participantes desfrutar de paisaxes únicas e do patrimonio natural e cultural da zona.

A mañá da presentación oficial do evento, celebrada onte luns, estivo presidida pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e o concelleiro de Deportes, Carlos Puga, xunto ás persoas coordinadoras deportivas do Concello, Javier López e Roberto Naranjo. Durante o acto, destacou a importancia deste evento, que non só fomenta a práctica deportiva, senón que tamén pon en valor a beleza natural de Allariz e a súa Reserva da Biosfera.

A Andaina e o Trail de Allariz teñen unha longa tradición, e este ano o evento contará con máis modalidades que nunca, adaptadas a todas as idades e niveis de condición física. Desde as persoas máis pequenas ata as corredoras e os corredores máis experimentados, todas terán a oportunidade de participar en distintas probas, entre as que se inclúen andainas, trails e minitrails, que se celebrarán en distintos horarios ao longo do día.
Os percorridos atravesarán zonas de gran beleza, como os montes de Allariz, as beiras do río Arnoia e as sendas que cruzan a Reserva da Biosfera. Pero, ademais da natureza, as participantes tamén poderán gozar do casco urbano de Allariz, que se converterá nun escenario vibrante para todas as persoas asistentes.

A xornada arrincará ás 9.00 horas co Trail longo (35 km) e a Andaina longa (24 km), que se presentan como as modalidades máis desafiantes. Estes percorridos atravesan o territorio máis agreste e ofrecen unha experiencia única para as persoas amantes das rutas longas e intensas. Ás 10.30, será a quenda do Trail curto (17 km) e a Andaina curta (14 km), modalidades para aquelas e aqueles que buscan retos algo máis accesibles, pero sen renunciar á beleza do percorrido e á sensación de superación.

Non faltarán tampouco as probas para as persoas máis pequenas, que ás 12:00 horas terán a súa oportunidade co MiniTrail e a MiniAndaina (8 km), ideais para que as novas xeracións se inicien na práctica deportiva nun ambiente familiar e amigable. As carreiras infantís, denominadas Trailciño, comezarán sobre as 13.00 horas, e serán gratuítas para nenos e nenas de 0 a 16 anos. A inscrición para estas probas realizarase de maneira presencial ou por teléfono no Complexo Deportivo de Vilanova.

Inscricións

As inscricións para participar neste evento xa están abertas e poderán realizarse a través da plataforma Sportmaniacs ata o 4 de xuño ás 23.59 horas. As tarifas de inscrición varían dependendo da modalidade e da data de rexistro. Ata o 12 de maio, os prezos son máis reducidos, cunha tarifa de 18 euros para as probas de Trail longo e curto, e 12 euros para as andainas e o MiniTrail. A partir do 19 de maio, os prezos aumentarán, establecendo un custo de 22 euros para os trails e 15 euros para as andainas.

Ademais, todas as persoas participantes recibirán un dorsal personalizado, un agasallo conmemorativo, seguro de accidentes e responsabilidade civil, e terán acceso a servizos de ambulancia e primeiros auxilios durante o evento. As probas de Trail serán cronometradas e, como parte da Liga Provincial, as tres primeiras clasificadas e os tres primeiros clasificados en cada categoría (senior, veteranos A, veteranos B e local) recibirán trofeos. O resto das modalidades, como as andainas e o MiniTrail, serán de carácter participativo, sen clasificación competitiva, pero tamén con sorteos de agasallos entre todas as persoas participantes.

Compromiso coa sustentabilidade

Un dos aspectos que distingue este evento é o seu compromiso coa sustentabilidade e a protección do medio ambiente. A organización fai un chamamento á responsabilidade ecolóxica, recomendando ás participantes que traian os seus propios recipientes de hidratación, xa que non se ofrecerán vasos de plástico nos avituallamentos. Esta medida, aparentemente pequena, contribúe á preservación dos espazos naturais polos que transcorren as probas e tamén ten como obxectivo reducir o impacto ambiental do evento.

A xornada rematará cunha festa de convivencia no Complexo Deportivo de Vilanova, onde se entregarán os trofeos ás gañadoras e aos gañadores, e tamén se celebrará o sorteo de agasallos entre todas as persoas participantes.

Este evento é moito máis que unha simple competición deportiva. É unha oportunidade para gozar dun día de deporte en familia, descubrir as belezas naturais de Allariz e compartir a paixón polo deporte nun ambiente único e acolledor.

A organización tamén pon á disposición de todas as persoas interesadas un servizo de atención ao público para resolver calquera dúbida ou ampliar a información. Pódese contactar ao teléfono 988 442 083 ou por correo electrónico en deportes@allariz.gal.

⚙ Configurar cookies
0.16351103782654