A XXVII Carreira Popular Concello de Cartelle celebrarase o 15 de agosto

O Concello de Cartelle celebrará o vindeiro sábado 15 de agosto, a partir das 18:30 horas, unha nova edición da Carreira Popular Concello de Cartelle, que alcanza xa a súa XXVII convocatoria.
A proba principal, cun percorrido de 9.000 metros, terá saída en Cartelle e chegada en Outomuro. Pola súa parte, o resto das categorías realizarán o seu itinerario con saída e chegada en Outomuro, adaptándose ás distintas idades e niveis de participación.
A carreira contará con categorías para todas as idades, desde pitufos ata veteranos, co obxectivo de converter a xornada nunha actividade deportiva e de convivencia aberta a toda a familia.
En canto ás inscricións, a proba de 9.000 metros deberá formalizarse a través da web championchipnorte.com, mentres que o resto das carreiras poderán inscribirse tanto na mesma plataforma como no propio Concello de Cartelle. O prazo límite para anotarse remata o 11 de agosto.