A XXX Cata dos Viños da Ribeira Sacra premia as mellores elaboracións da denominación de orixe

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Un total de 22 adegas presentaron 64 mostras na cita, celebrada no Balneario de Augas Santas, en Pantón, coa participación da conselleira do Medio Rural, María José Gómez
premios-cata-viños-ribeira-sacra
11 Jul 2026

O Balneario de Augas Santas, no concello de Pantón, acolleu este venres a entrega de premios da XXX Cata dos Viños da Ribeira Sacra, organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Nesta edición participaron 22 adegas, que presentaron un total de 64 mostras de viño distribuídas en tres categorías: 21 viños tintos, 17 brancos e 26 viños doutras anadas. As mostras foron avaliadas por un panel de cata integrado por oito profesionais.

Na cata concedéronse medallas de ouro, prata e bronce en cada unha das tres categorías —Viños Brancos, Viños Tintos e Viños doutras anadas—, ademais dunha peza de olaría de Gundivós para os premiados. Como é tradición, os galardóns foron elaborados por José Elías González Prieto, do Centro Oleiro de Gundivós, unha das expresións máis representativas da artesanía tradicional da comarca.

No acto participou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.

Durante a súa intervención, a conselleira destacou a evolución da denominación de orixe e asegurou que “A Ribeira Sacra pasou de ser un tesouro coñecido sobre todo polos galegos a converterse nun referente internacional da viticultura heroica”. Gómez lembrou tamén os recoñecementos acadados polos viños da Ribeira Sacra en diferentes certames internacionais.

A titular de Medio Rural puxo en valor que os viños desta denominación de orixe chegan na actualidade a novos mercados, ao tempo que medra o enoturismo, se consolida unha forma de producir respectuosa coa paisaxe e co territorio e o nome da Ribeira Sacra se converte en sinónimo de excelencia. Segundo sinalou, estes avances son froito do traballo dos viticultores, das adegas, do Consello Regulador e tamén do compromiso das administracións por “acompañar un sector estratéxico para o noso rural”.

María José Gómez comprometeu o apoio do Goberno galego á Denominación de Orixe Ribeira Sacra e afirmou que respaldala significa “apoiar emprego, riqueza e futuro no rural”.

A conselleira reiterou tamén o apoio da Xunta á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco, unha iniciativa que cualificou como “un motivo de orgullo para toda Galicia”. Ao seu xuízo, este recoñecemento serviría para poñer en valor séculos de esforzo, de respecto pola terra e dunha viticultura heroica que converte este territorio nun lugar “único no mundo”.

Na súa intervención, Gómez destacou ademais o labor do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, ao que definiu como o garante da confianza dos consumidores, da autenticidade destes viños e do prestixio da denominación de orixe. Neste sentido, subliñou que a confianza “non nace por casualidade, senón que se constrúe cada día con rigor e con profesionalidade”, unha forma de traballar que, segundo indicou, tamén identifica a Galicia Calidade e que combina o respecto pola tradición coa aposta pola innovación.

0.12444114685059