Abertas as inscricións para anotarse no programa Concilia Verán 2026 do Concello de Ourense

A Concellería de Educación do Concello de Ourense abriu este venres o prazo de inscrición nas actividades do programa Concilia Verán 2026, unha iniciativa dirixida a facilitar a conciliación familiar durante as vacacións escolares.
A proposta inclúe unha ampla variedade de actividades pensadas para nenos e nenas da cidade, con contidos que abranguen informática, educación artística, psicomotricidade, natureza ou reforzo educativo, entre outras opcións. Ademais de apoiar a conciliación, o programa busca fomentar a convivencia, a socialización, o traballo en equipo e o respecto polo medio ambiente.
As actividades desenvolveranse en 16 espazos repartidos pola cidade, entre eles nove centros educativos, o campus, a Aula da Natureza de Oira, a Escola de Música e o seu edificio anexo, o centro cívico da rúa Colón e, como novidade este ano, as localidades de Seixalbo e Beiro.
Entre os colexios participantes figuran Amadeo Rodríguez Barroso, Prácticas, As Mercedes, O Couto (unidade de Sás), Covadonga (unidade de Eiroás), Irmáns Villar, Manuel Luis Acuña, Mestre Vide e Vistahermosa. En varios destes centros ofrecerase tamén servizo de acollida temperá, e nos colexios de Prácticas, As Mercedes, Manuel Luis Acuña e Vistahermosa haberá atención específica para alumnado con necesidades de apoio educativo.
Para poder participar será necesario estar empadroado no Concello de Ourense xunto cun dos titores. A inscrición realizarase unicamente en liña a través da web municipal e permanecerá aberta desde este venres 8 de maio ás 10:00 horas ata o 26 de maio ás 08:30 horas.
Unha vez pechado o prazo, as listaxes provisionais publicaranse o 4 de xuño e as definitivas o 10 de xuño. O período de matrícula estenderase ata o 16 de xuño ás 14:00 horas. A taxa establecida é de 10 euros por inscrición, reducida á metade no caso de irmáns.