Aberto o prazo de inscrición para o campamento tecnolóxico de verán de Tecnópole

O programa está dirixido a rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos e haberá dúas quendas durante o mes de xullo
Aula-newton-tecnopole
31 May 2026

Tecnópole abre o prazo de inscrición para participar na XIV edición do campamento tecnolóxico de verán T2W – Tecnópole Technological Workshops–, unha iniciativa organizada en colaboración coa Consellería de Economía e Industria.

O programa, impulsado polo Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnópole, enmárcase na súa aposta pola divulgación científica entre a mocidade e está dirixido a rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos, dende 6º de Primaria ata 2º de Bacharelato. En total ofértanse 80 prazas, repartidas en dúas quendas de 40 participantes cada unha.

A primeira desenvolverase do 29 de xuño ao 3 de xullo, e a segunda do 6 ao 10 de xullo, en horario de 10:00 a 18:00 horas. A inscrición debe formalizarse a través da web oficial do programa, e o prazo permanecerá aberto ata completar as prazas.

O campamento aposta por un enfoque práctico e experimental, aproveitando a experiencia da Aula Newton Galicia instalada no parque. Entre as actividades previstas inclúense o manexo de simuladores de voo profesionais, a elaboración de plans de voo, iniciación á programación de placas electrónicas, uso de drons e deseño de prototipos mediante impresión 3D.

O ámbito aeronáutico e espacial é un dos eixos centrais da proposta, ao ser un dos campos que máis interese esperta entre o alumnado, segundo destacan desde a organización. O obxectivo é achegar a ciencia e a tecnoloxía dun xeito aplicado e fomentar vocacións investigadoras e emprendedoras.

O custo da actividade é de 150 euros e inclúe materiais, actividades, transporte desde varios puntos de Ourense, manutención e acceso ás piscinas do parque durante o campamento.

0.12309789657593