Aberto o prazo de inscrición telefónica para participar nunha excursión a Málaga e Granada organizada polo Concello da Merca

O Concello da Merca vén de abrir o prazo de inscrición telefónica para a nova excursión dirixida á terceira idade que terá lugar entre os días 20 e 23 de setembro de 2026, unha proposta de catro días de duración centrada en visitas culturais e actividades de convivencia.
A viaxe inclúe un completo programa con visita á cidade de Málaga, percorrido por Granada con entrada á Alhambra e unha noite con espectáculo de tablao flamenco, ademais do desprazamento organizado con todas as comodidades.
A iniciativa está dirixida especialmente a persoas pensionistas e empadroadas no municipio, que terán prioridade na adxudicación das prazas. As persoas non empadroadas pasarán a formar parte dunha lista de agarda. O número de prazas é limitado, cun mínimo de 40 e un máximo de 48 participantes.
As inscricións poden formalizarse de forma telefónica até o 10 de xullo a través do número 988 26 00 00.Posteriormente, abrirase tamén o prazo de inscrición presencial, que se poderá realizar nas oficinas municipais entre o 10 e o 21 de agosto.
O prezo da excursión é de 540 euros en habitación dobre, cun suplemento de 150 euros no caso de habitación individual.