Aberto o prazo de presentación dos traballos do Premio Otero Pedrayo para estudantes de ESO e bacharelato
A Fundación Otero Pedrayo terá aberto ata o vindeiro 15 de febreiro o prazo para presentar os traballos do do Premio Otero Pedrayo para estudantes de ESO e bacharelato.
No certame, que busca contribuír ao recoñecemento do escritor e perpetuar a súa memoria entre os mozos e mozas galegos, poderán participar todos os estudantes ou grupos de estudantes de educación secundaria obrigatoria, ciclo formativo ou bacharelato matriculado este curso escolar.
Dende a fundación lembran que os traballos deben estar centrados na vida ou na obra de Ramón Otero Pedrayo e estar escritos en galego. Os participantes poderán analizar unha obra concreta del, "imitar" o seu estilo para unha obra escrita, teatralizar algunha das súas novelas en formato vídeo, realizar un traballo artístico inspirado na súa figura, etc.
O certame conta coa colaboración da Consellería de Cultura, a través da Secretaría Xeral da Lingua.