Aberto o prazo para inscribirse no Campamento Multideporte 2026 de Barbadás

O Concello de Barbadás abriu esta semana o prazo de inscrición para o Campamento Multideporte 2026, unha proposta de conciliación e lecer dirixida á infancia que se desenvolverá durante o mes de agosto.
A actividade está pensada para nenos e nenas de entre 8 e 14 anos e combina diferentes propostas de deporte, piscina, xogos e obradoiros, co obxectivo de ofrecer unha alternativa de ocio activo durante as vacacións estivais.
O campamento terá lugar do 3 ao 28 de agosto e organizarase en catro quendas, cun horario de 9.00 a 14.00 horas. En total ofértanse 80 prazas, distribuídas en grupos de 20 participantes por cada quenda.
Desde o Concello anímase ás familias interesadas a consultar as bases completas da convocatoria a través da web municipal ou mediante o código QR dispoñible no cartel informativo, co fin de formalizar a solicitude e asegurar a participación.