Aberto o prazo para solicitar as axudas a clubs deportivos da provincia de Ourense

O prazo para que os clubs deportivos da provincia soliciten as subvencións que ofrece a Deputación estará aberto ata o 21 de abril, día no que rematará o prazo improrrogable. As subvencións que anualmente concede a Deputación aos clubs deportivos incrementan neste ano a súa contía nun 36,4%, superando o medio millón de euros de orzamento (550.000 euros), tendo en conta que nos pasados exercicios a contía foi de 350.000 euros.
Segundo as bases reguladoras, a concesión de subvencións a clubs deportivos de Ourense para o ano 2025 será mediante convocatoria pública e a través do procedemento de concorrencia competitiva, coa finalidade de financiar parcialmente os gastos derivados da súa participación na competición deportiva durante a temporada 2024-2025.
Poderán ser beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases os clubs deportivos que reúnan os seguintes requisitos: estar inscritos nos rexistros deportivos correspondentes da Xunta de Galicia; ter o seu domicilio social na provincia de Ourense; participar, na temporada 2024/2025 en competicións oficiais, calquera que sexa o seu ámbito, convocadas polas súas respectivas federacións; posuír, polo menos, un equipo de base acreditado, é dicir, inferior á categoría sénior ou absoluta, cun mínimo de dez licenzas federativas. Para os clubs que compitan en disciplinas individuais establécese, así mesmo, como requisito básico, posuír un mínimo de dez licenzas federativas de deportistas de base en competición.
Por outra banda, non poderán ser beneficiarios os clubs que só participen en ligas ou competicións locais ou comarcais, ou exclusivamente no deporte escolar ou ligas de empresas.
O prazo improrrogable de rematará o 21 de abril de 2025, sendo este o derradeiro día no que poderán presentarse validamente as solicitudes.