Aberto o prazo para solicitar o Bono Transporte de Bacharelato en Barbadás

OurenseXa
O Concello manterá aberto ata o 4 de setembro o período de inscrición para o servizo dirixido ao alumnado de ensinanzas postobrigatorias
bus-transporte-escolar
20 Jul 2026

O Concello de Barbadás abriu esta semana o prazo para solicitar o Bono Transporte destinado ao alumnado de Bacharelato para o curso 2026/2027. As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 4 de setembro.

Esta iniciativa ten como finalidade facilitar o desprazamento do alumnado de ensinanzas postobrigatorias, cubrindo unha necesidade existente unha vez rematado o ensino obrigatorio, etapa na que a Consellería de Educación xa non presta este servizo de transporte escolar.

O servizo está dirixido, en primeiro lugar, ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Bacharelato no IES Ferro Couselo durante o curso 2026/2027. No caso de que queden prazas dispoñibles tras atender estas solicitudes, poderán incorporarse tamén estudantes do IES Universidade Laboral.

As solicitudes poderán presentarse de forma telemática a través da sede electrónica do Concello de Barbadás, presencialmente no Rexistro Xeral da Casa do Concello ou nas oficinas municipais da Valenzá, así como en calquera dos rexistros previstos na Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común.

A listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas publicarase o 8 de setembro na páxina web municipal, onde se identificarán as solicitudes mediante o número de rexistro de entrada. O Concello tamén permitirá solicitar a alta no servizo unha vez rematado o prazo ordinario, sempre que existan prazas vacantes.

En canto ao custo do servizo, a tarifa establecida será de 10 euros nos meses de setembro e xuño, mentres que entre outubro e maio ascenderá a 20 euros mensuais.

0.1227879524231