Abraham Cupeiro actuará o 6 de agosto no Claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova

GaliciaXa | OurenseXa
O músico galego chegará á vila coa súa xira Loira, unha proposta que combina instrumentos históricos, composición e exploración sonora
Abraham-Cupeiro
25 Jun 2026

As entradas para o concerto que Abraham Cupeiro ofrecerá o vindeiro 6 de agosto no Claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova poderán adquirirse desde este venres, 26 de xuño, a partir das 13.00 horas, a través das plataformas habilitadas para a venda.

O músico galego chegará a Celanova con Loira, un espectáculo no que mestura composición musical, artesanía e investigación sonora nunha proposta construída arredor da recuperación e reinterpretación de instrumentos históricos.

A montaxe presenta unha experiencia de carácter cinematográfico na que os sons ancestrais se combinan cunha visión contemporánea. Sobre o escenario, Cupeiro comparte protagonismo cun elenco musical co que desenvolve un repertorio que transita por diferentes atmosferas e rexistros expresivos.

A proposta reúne instrumentos históricos —moitos deles recuperados ou construídos polo propio artista— xunto con arranxos musicais que buscan construír unha linguaxe propia baseada no timbre, o ritmo e a narrativa sonora.

O proxecto toma o seu nome dunha historia persoal do músico. Loira é o nome da súa compañeira canina, que serviu de inspiración para un traballo que o artista relaciona coa mestura e coa memoria. “Ela é mestiza, como este álbum. Foi abandonada, como moitos dos instrumentos que utilizo”, explica Abraham Cupeiro.

Segundo relata o músico, durante a etapa da pandemia a cadela acompañouno mentres experimentaba con novas sonoridades e gravaba vídeos desde a casa, converténdose nunha presenza habitual no proceso creativo. O nome acabou simbolizando conceptos como a mestura, a resistencia e a conexión entre pasado e presente que atravesan o proxecto.

Abraham Cupeiro consolidouse nos últimos anos como un dos artistas europeos máis recoñecidos na recuperación e reinterpretación de instrumentos históricos. A súa traxectoria combina música clásica, folk, jazz, música antiga e experimentación sonora.

Ao longo da súa carreira colaborou con formacións internacionais como a London Symphony Orchestra, a BBC Scottish Symphony Orchestra, a Mahler Chamber Orchestra ou a Royal Philharmonic Orchestra, ademais de participar en proxectos vinculados ao cinema e á composición musical.

Recentemente formou parte da banda sonora de Gladiator II e tamén participou en eventos de grande repercusión internacional, entre eles a inauguración dun encontro da Europa League entre o Celta de Vigo e o Friburgo ou unha actuación no Stade de France durante o Torneo das Seis Nacións ante 80.000 espectadores.

0.14024901390076