Abre a convocatoria para obter o permiso municipal que habilita para conducir taxi en Ourense

O Concello de Ourense vén de abrir a convocatoria ordinaria correspondente ao ano 2026 para a obtención do permiso municipal que habilita para conducir taxi na cidade. O prazo de presentación de solicitudes comezou hoxe, luns 4 de maio, e estenderase ata o venres 15 de maio, cun período total de 10 días hábiles.
As persoas que desexen acceder a este permiso poderán formalizar a súa inscrición tanto de maneira presencial, acudindo ao Rexistro Xeral do Concello, como por vía telemática a través da sede electrónica municipal.
Este certificado é imprescindible para poder traballar en vehículos asociados ás licenzas de taxi do municipio. Para conseguilo, as persoas candidatas deberán superar unha proba específica composta por 44 preguntas.
O exame abrangue contidos relacionados coa normativa do servizo, o coñecemento da cidade e do seu entorno, as tarifas vixentes, ademais dunha parte de avaliación psicotécnica e competencia lingüística.