Abre o prazo para solicitar as axudas para a adquisición de libros, material escolar e comedor en Ourense

O Concello de Ourense abre este xoves, 30 de abril, o prazo para solicitar as axudas destinadas á adquisición de libros, material escolar e ao servizo de comedor para o curso 2026/2027. A convocatoria, xestionada pola Concellería de Asuntos Sociais, permanecerá aberta ata o 21 de maio, incluído, e permitirá presentar as solicitudes tanto de maneira presencial como a través da sede electrónica municipal.
Estas achegas están orientadas a familias en situación de desvantaxe social e con recursos económicos limitados. Poderán optar a elas aquelas unidades de convivencia con menores escolarizados en centros públicos ou concertados da cidade, sempre que estean empadroadas en Ourense cun mínimo de tres meses de antigüidade e non superen os 4.000 euros anuais de renda per cápita.
O programa conta cun orzamento global de 325.000 euros. Desta cantidade, 25.000 euros reservaranse para cubrir gastos de libros de texto e material escolar, mentres que os 300.000 euros restantes destinaranse a financiar prazas de comedor.
No caso das axudas para material escolar, estarán dirixidas ao alumnado matriculado nos cursos de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil, cunha contía fixa de 110 euros por cada menor. Pola súa banda, as axudas para comedor poderán solicitalas estudantes de Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obrigatoria que xa conten con praza de comedor no seu centro educativo no momento da concesión. Neste caso, o apoio económico poderá alcanzar ata os 90 euros mensuais por beneficiario.