ACADAR pon en marcha un programa orientado a reforzar a igualdade de xénero entre as mulleres con discapacidade

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) puxo en marcha unha nova edición do programa ACTIVADAS: Claves para o empoderamento das mulleres con discapacidade, unha iniciativa orientada a reforzar a igualdade de xénero e a participación social das mulleres con discapacidade en diferentes ámbitos.
O proxecto está deseñado para impulsar procesos de empoderamento tanto individuais como colectivos, mediante accións continuadas que traballan aspectos como a autoestima, o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal das participantes.
ACTIVADAS combina obradoiros grupais con atención individualizada, nos que se abordan habilidades sociais e comunicativas, ademais de ofrecer ferramentas para identificar e previr distintas formas de violencia de xénero. Así mesmo, o programa promove a creación de redes de apoio entre as mulleres, favorecendo espazos de encontro seguros e de intercambio de experiencias.
A iniciativa xa se desenvolveu en localidades como Santiago de Compostela, Pontecesures e A Estrada, coa participación de varias mulleres en cada unha delas, facilitando así o acceso en distintos territorios. Agora está previsto o seu despregamento en Xinzo de Limia e Ourense, cunha previsión total de arredor de 35 participantes.
O programa conta con financiamento procedente do 0,7 % do IRPF, a través da coñecida X Solidaria na declaración da renda, xestionada pola Xunta de Galicia.