Activada a alerta por calor a nivel vermello no interior de Pontevedra

GaliciaXa | TerraChaXa | FerrolXa | OurenseXa
Ademais, haberá alerta amarela no interior e suroeste da Coruña, na montaña de Ourense e nas Rías Baixas
mapa-setembro-20
19 Sep 2026

Segundo as predicións remitidas por MeteoSalud, e no ámbito do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, para mañá domingo mantense o sistema de alerta por episodio de calor nas seguintes zonas isoclimáticas:

Nivel 3 (vermello): interior de Pontevedra.

Nivel 1 (amarelo): interior e suroeste da Coruña, montaña de Ourense e Rías Baixas.

As previsións de MeteoGalicia indican que as altas presións están localizadas ao norte da península Ibérica, onde quedarán estacionarias polo menos ata o vindeiro mércores. Desde esa posición, impedirán que cheguen influencias atlánticas e atraerán aire cálido desde o sur. Isto deixará ceo despexado, vento en calma e temperaturas elevadas nos próximos días.

No que atinxe á práctica deportiva, a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, suspende mañá a actividade do programa Xogade no exterior entre as 12,00 e as 20,00 horas no interior de Pontevedra debido á alerta vermella por altas temperaturas. Pola contra, a actividade federada autonómica non se suspende, pero recoméndase non realizala entre as 13,00 e as 17,00 horas, coincidindo coas horas de maior calor, salvo nos deportes náuticos e acuáticos, onde non existe esa recomendación.

Asemade, recoméndase á organización que adapte os horarios da práctica deportiva ás condicións específicas de cada zona, evitando, se é posible, as horas de maior calor e adoptando as medidas preventivas necesarias para minimizar o impacto das altas temperaturas na saúde. Os organizadores deberán garantir a protección dos deportistas e do público que asisten ás probas.

O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, xunto coas recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas están dispoñibles nesta ligazón.

Para elaborar o mapa de riscos para a saúde provocados polas altas temperaturas, a Consellería de Sanidade ten en conta os datos rexistrados por Meteogalicia e por Meteosalud.

Meteogalicia ten en conta as temperaturas máximas e mínimas diarias e tamén se se superan os límites establecidos para que poida ter lugar un episodio de calor. Pola súa banda, Meteosalud realiza os seus cálculos de acordo á análise das series temporais de temperatura e mortalidade tendo en conta os datos rexistrados nos últimos 20 anos.

Para anticiparse aos posible efectos das altas temperaturas na saúde da poboación galega, a Consellería de Sanidade ten en conta os niveis de alerta de ambos os sistemas co obxectivo de establecer un nivel de alerta de acordo aos seus datos. Xa que logo, a información que conteñen estes tres mapas responde a diferentes parámetros, motivo polo que poden non coincidir.
Os concellos que pertencen a cada zona isoclimática son os seguintes:

Interior de Pontevedra: Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces.

Interior da Coruña: Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Vilasantar.

Suroeste da Coruña: Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois.

Montaña de Ourense: O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Riós, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo.

Litoral de Pontevedra ou Rías Baixas: Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Pontevedra, Portas, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa.

0.17347812652588