Actividades nos concellos de Ourense para este venres con motivo do Día da Muller

OurenseXa
A manifestación na cidade arrancará ás 20.00 horas no Parque de San Lázaro
Cartel_8M
Cartel 8M, Marcha Mundial das Mulleres
7 mar 2024

Ourense conmemora este venres 8 de marzo o Día Internacional da Muller, con actividades repartidas polos distintos concellos da comarca.

Na cidade de Ourense, o acto principal será a manifestación convocada pola Marcha Mundial das Mulleres, que arrancará ás 20.00 no Parque de San Lázaro. A mesma hora terá lugar a Lectura de Manifesto diante da Sudelegación do Goberno de Ourense. Ademáis, o colectivo convoca ás 11.00 unha concentración diante do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), e ás 12.30 horas unha "performance" na rúa Concordia á altura do Paseo. Pola súa banda, o bloque abolicionista, a través da Plataforma Feminista Radical de Galicia convocará a súa marcha ás 19.30 horas na Praza de Santa Eufemia.

En Allariz, onde as Xornadas pola Igualdade cumplen xa vinte anos, haberá unha concentración e manifesto institucional para a igualdade na Praza Maior ás 12:00 horas. A concentración deste venres abre un ciclo de actividades neste concello que entenderase ata o vindeiro 17 de marzo.

No Concello de Coles terá lugar ás 11.00 horas no Auditorio de Cambeo a Lectura de Manifesto no marco da exposición fotográfica "Inmarcesibles", sobre a beleza feminina real.

Pola súa banda, o Concello de Esgos acollerá unha charla sobre empoderamento feminino ás 19.00 horas no Centro Cultural Parada Justel

O Concello de Barbadás celebrará, ás 20.00 horas na Casa da Cultura, un recital de poesía a cargo de Lucía Álvarez e José Luis Troitiña, inda que o seu acto central terá lugar o sábado 9 de marzo cando celebrará a I Carreira pola Igualdade, que conta xa con máis de 300 persoas inscritas.

En Maceda, alumnos de distintos centros percorrerán as rúas do concello nunha manifestación que rematará ás 12.00 horas coa Lectura de Manifesto na praza das Toldas.