ADEGA conmemora os seus 50 anos de historia cunha exposición en Allariz

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) inaugurou este venres en Allariz a exposición itinerante “50 anos coidando a terra”, unha proposta que percorre algunhas das principais loitas ambientais e mobilizacións ecoloxistas desenvolvidas en Galicia nas últimas cinco décadas.
A mostra permanecerá instalada na Praza do Matadoiro ata o 19 de maio e chega a Allariz despois de pasar por diferentes cidades e vilas galegas. A iniciativa combina fotografías históricas, textos e materiais gráficos para lembrar episodios clave da defensa ambiental no país.
O acto de presentación contou coa participación de integrantes de ADEGA, representantes de colectivos locais e membros do goberno municipal, entre eles a alcaldesa de Allariz e presidenta da Reserva da Biosfera Área de Allariz, Cristina Cid, e o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela.
Durante a inauguración, desde ADEGA destacouse a relación de colaboración mantida ao longo dos anos co Concello de Allariz, especialmente no ámbito da educación ambiental e da compostaxe comunitaria. María R. Lafuente, integrante da directiva da entidade ecoloxista, lembrou o impulso dado ao proxecto de compostaxe tras unhas xornadas celebradas en 2014 e sinalou que a iniciativa desenvolvida no municipio “foi moi potente e segue sendo referente a nivel estatal”.
Na mesma liña, o responsable da área de residuos de ADEGA, Xosé Romero, repasou outras colaboracións desenvolvidas no municipio, como as limpezas simultáneas de ríos, actividades ambientais no Arnoia ou o proxecto Charcas con Vida.
Pola súa banda, Cristina Cid puxo en valor o papel histórico da organización ecoloxista e advertiu da necesidade de continuar promovendo a sensibilización ambiental e a implicación social na protección do territorio. A alcaldesa asegurou que vivimos nun contexto “no que o negacionismo ambiental nos está facendo dar pasos atrás e discutir asuntos que parecían xa superados”. Ademais, subliñou que “sempre vimos o nome de ADEGA ligado á defensa dos ríos, das rías, dos montes e da identidade nacional, porque cando falamos de natureza tamén falamos de conservación cultural”.
A exposición estrutúrase en 16 paneis distribuídos en varios soportes e inclúe tamén elementos simbólicos relacionados coa oposición aos vertidos nucleares na Fosa Atlántica, unha das mobilizacións históricas do ecoloxismo galego.
Con esta iniciativa, ADEGA conmemora o seu 50 aniversario ao tempo que busca reforzar a educación ambiental e fomentar o compromiso das novas xeracións coa defensa do territorio e dun modelo máis sostible para Galicia.