ADEGA cuestiona o proxecto dunha nova central de bombeo entre os encoros de Santo Estevo e Edrada-Mao

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
O proxecto pretende desenvolver un aproveitamento hidroelctrico de bombeo de 75.000 litros, mentres que ADEGA reclama que ese volume de auga se reserve para usos ambientais
canon-do-sil-imaxe-adega
7 Oct 2026

ADEGA anunciou a súa oposición ao proxecto presentado pola sociedade A Senra Infraestructuras S.L., participada por Iberdrola e Naturgy, para desenvolver un aproveitamento hidroelctrico de bombeo entre os encoros de Santo Estevo e Edrada-Mao. A entidade considera que a actuación podería incrementar a presión sobre os sistemas fluviais da Ribeira Sacra e critica que a documentación coñecida non permita determinar aínda a localización exacta nin boa parte das características técnicas da instalación.

Segundo explica a asociación, A Senra Infraestructuras solicitou á Confederación Hidrográfica Miño-Sil unha concesión de 75 metros cúbicos por segundo para o almacenamento hidráulico de enerxía. O proxecto utilizaría Santo Estevo como depósito inferior e Edrada-Mao como depósito superior, de maneira que a auga sería bombeada e posteriormente turbinada entre ambos os encoros.

ADEGA sinala que, neste momento, non se coñecen con detalle cuestións como a localización concreta da central, a súa potencia ou réxime de funcionamento, nin as características das conducións, túneles ou instalacións de captación e evacuación.

A entidade pon o foco ademais na situación ambiental dos dous encoros. O de Santo Estevo, no río Sil, está incluído na ZEC Canón do Sil, integrada na Rede Natura 2000, e na Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Tamén conta con diferentes figuras de protección vinculadas á captación de augas superficiais, á produción de especies acuáticas e ás zonas húmidas.

No caso de Edrada-Mao, ADEGA lembra que tamén forma parte da Reserva da Biosfera e que está considerado zona de produción de especies acuáticas, ademais de zona húmida protexida no marco da planificación hidrolóxica do Miño-Sil.

A asociación considera que ambas as bacías xa soportan unha elevada presenza de infraestruturas hidroeléctricas e advirte de que un novo aproveitamento podería incrementar a presión sobre estes espazos. Neste sentido, cita o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030, que establece condicións específicas para os bombeos hidráulicos e sinala os posibles impactos destas instalacións sobre a morfoloxía dos canles e ribeiras e sobre a biodiversidade.

ADEGA sostén que a captación solicitada podería alterar de maneira significativa o balance hídrico das bacías implicadas e afectar os obxectivos de conservación da ZEC Canón do Sil e os obxectivos ambientais fixados na planificación hidrolóxica. A entidade defende que a conservación dos ecosistemas acuáticos debe ocupar un lugar prioritario fronte a novos aproveitamentos hidroeléctricos.

Neste punto, a asociación lembra que o Plan Hidrolóxico do Miño-Sil establece a prevalencia dos usos ambientais sobre os hidroeléctricos. Segundo ADEGA, aínda que a normativa estatal modificou a orde de preferencia para determinados bombeos hidráulicos, no actual plan de bacía este uso continúa por detrás do abastecemento, dos usos ambientais e dos agropecuarios.

Por este motivo, ADEGA decidiu participar no trámite de competencia aberto pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil para expresar a súa oposición ao proxecto de A Senra Infraestructuras. A organización presentou ademais unha solicitude para obter unha concesión polo mesmo volume de 75.000 litros por segundo, pero destinada a usos ambientais.

Outro dos aspectos que cuestiona ADEGA é a duración que podería ter a eventual concesión. A asociación apunta que a empresa podería solicitar un período de ata 75 anos e relaciona esta cuestión coa vixencia actual das concesións dos dous encoros implicados.

Segundo os datos achegados pola entidade, a concesión de Santo Estevo, explotado por Iberdrola, remata en 2051, mentres que a de Edrada-Mao, actualmente en mans de Naturgy, ten vixencia ata 2053. ADEGA considera que unha nova concesión para a central de bombeo podería implicar prolongar a permanencia de ambas as infraestruturas e manter a conexión interrompida dos dous sistemas fluviais durante décadas.

A asociación considera que esta eventual prolongación, que podería estenderse ata 2101 segundo os seus cálculos, sería incompatible cos obxectivos da Directiva Marco da Auga e coa normativa hidrolóxica vixente.

0.16163992881775