ADEGA inaugura en Ourense a mostra “50 anos coidando a terra”

OurenseXa
Trátase dun percorrido para conmemorar o medio século de traxectoria da asociación na defensa do medio ambiente, e pode verse ata o 21 de abril na Praza Bispo Cesáreo
inauguracion-expo-adega-ourense
15 Apr 2026

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inaugurou este martes en Ourense a exposición itinerante “50 anos coidando a terra”, unha mostra coa que conmemora medio século de traxectoria na defensa do medio ambiente galego. Tras pasar por outros concellos, a iniciativa poderá visitarse ata o 21 de abril na Praza Bispo Cesáreo.

O acto estivo conducido polo presidente da entidade, Manolo Soto, quen fixo un percorrido polas principais loitas ambientais nas que participou a organización desde a súa creación en 1974 e a súa legalización en 1976. Ademais, enmarcou esta exposición nun programa máis amplo de actividades impulsadas con motivo do aniversario, que inclúe a difusión dun documental e a publicación dun libro sobre os 50 anos de ADEGA.

Soto agradeceu a presenza de persoas socias, así como de representantes políticos e colectivos ecoloxistas, entre eles membros do BNG e do PSOE de Ourense, ademais de entidades como a Sociedade Galega de Historia Natural, Amigas das Cegoñas ou Grupo Ourense Vivo.

Na inauguración tamén participou o tenente de alcalde, Aníbal Pereira Novoa, quen felicitou á entidade polo seu labor e lle desexou “outros 50 anos máis na defensa ambiental de Galiza”. “Esta exposición”, destacou, “mostra un traballo potente e de moita dedicación”, ao tempo que “evidencia os riscos ambientais” que afronta o territorio. Así mesmo, animou á veciñanza a achegarse á mostra e a “sensibilizarse” coas cuestións ambientais.

O acto concluíu cunha visita guiada a cargo da secretaria executiva de ADEGA, Belén Rodríguez, quen convidou ás persoas asistentes a implicarse na asociación e a trasladar as súas inquedanzas ambientais, no marco do proceso de reactivación da delegación ourensá.
A exposición está composta por 16 paneis distribuídos en catro tótems expositivos e inclúe elementos simbólicos como bidóns que evocan residuos radioactivos, en referencia á oposición social aos vertidos na Foxa Atlántica. A mostra repasa fitos destacados do ecoloxismo galego, como a paralización de proxectos como os encoros do Sela ou do Navia ou a central nuclear de Xove, así como mobilizacións emblemáticas como Baldaio, As Encrobas ou o Prestige.

Ademais, aborda problemáticas actuais como a incineración de residuos, a expansión do eucalipto, os incendios forestais ou a explotación de recursos enerxéticos e mineiros, e pon en valor o papel de ADEGA na divulgación, o voluntariado e a educación ambiental en Galicia.

0.11451005935669