Adxudicadas por 11,7 millóns de euros as obras da vía que unirá Bemposta coa N-525 en Ourense

OurenseXa
O novo vial, de 1,5 quilómetros, discorrerá polos concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas e completará a circunvalación sur da cidade conectando coa N-525 e coa A-52
carretera-estrada-recurso
Imaxe de arquivo ilustrativa
20 Oct 2026

As obras da Rolda Leste de Ourense xa teñen empresa encargada de executalas. A unión temporal formada por Extraco SA e Misturas Obras e Proxectos SA farase cargo dos traballos, adxudicados por 11,7 millóns de euros, IVE incluído.

O proxecto consiste nunha nova estrada de 1,5 quilómetros que discorrerá polos concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas, unindo a estrada OU-105 en Bemposta coa N-525. Con ela quedará completada a circunvalación polo sur da cidade, ao conectar tamén coa autovía A-52.

O trazado partirá da rotonda que hoxe une as estradas OU-105 e OU-510, en Bemposta, e avanzará en sentido suroeste ata unha nova glorieta que servirá de enlace coa N-525/OU-525 e coa A-52.

A nova vía disporá de dous carrís, un por sentido, de 3,5 metros de ancho, con beiravías de 1,50 metros, e sumará un carril adicional nos treitos de maior pendente.

Entre as obras de maior envergadura previstas figuran un viaduto sobre o río Barbaña, un paso inferior no cruce coa liña ferroviaria de ADIF e un paso superior que dará acceso á depuradora (EDAR) de San Cibrao.

O proxecto inclúe ademais a reordenación do acceso á glorieta de conexión coa N-525/OU-525 mediante dous novos ramais: un polo sur, que arrincará da OU-525 cun carril de deceleración, e outro polo norte, que partirá da rotonda existente para descender ata a N-525 e conectar co carril que dá acceso a Expourense.

0.17171001434326