Adxudicadas por 207.000 euros as obras de renovación da canella Jorge Ferreiro e a praza da Eiriña, en Xunqueira de Ambía

As obras, financiadas a través do Plan Hurbe, mellorarán o saneamento, o alumeado e a pavimentación destes espazos situados xunto á Colexiata de Santa María a Real
acondicionamento-a-canella
26 Sep 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por 207.195,87 euros as obras de acondicionamento da canella Jorge Ferreiro e da praza da Eiriña, en Xunqueira de Ambía. Os traballos serán executados pola empresa Cruzval Obras y Servicios, S.L. e desenvolveranse ao abeiro do Plan Hurbe.

A actuación pretende renovar e poñer en valor estes dous espazos, situados na contorna da Colexiata de Santa María a Real e dentro do ámbito de protección do Camiño de Santiago. A colexiata está declarada Monumento Histórico-Artístico desde 1931 e Ben de Interese Cultural desde 1985.

Os traballos incluirán a actualización das instalacións urbanas existentes para solucionar os problemas relacionados co saneamento e mellorar a recollida de augas pluviais. Tamén se renovará o alumeado público mediante a instalación de luminarias LED e se actualizará a sinalética.

A intervención completarase coa pavimentación da canella e da praza e coa colocación de novo mobiliario urbano. Ademais, as obras deixarán preparadas as preinstalacións necesarias para futuras reformas ou ampliacións das redes, de maneira que non sexa necesario volver intervir sobre a pavimentación.

O proxecto canalízase a través do Plan Hurbe, o programa mediante o que a Xunta coopera cos concellos para financiar actuacións destinadas á mellora das contornas urbanas e á creación ou renovación de equipamentos, co obxectivo de contribuír á dinamización do territorio e ao reequilibrio territorial.

Segundo o convenio asinado entre a Administración autonómica e o Concello de Xunqueira de Ambía, a Xunta asumirá o 70% do investimento, ademais de encargarse da licitación e execución das obras, mentres que o Concello achegará o 30% restante.

0.15679812431335