Afroliada suma a tradición africana á Fo-liada Victor Gulías do Carballiño este sábado

A asociación cultural Avantar celebrará este sábado unha nova edición da Fo-liada, unha cita xa coñecida no Carballiño que enche de música tradicional galega as rúas e os locais de hostalaría da vila. Nesta ocasión, a proposta enriquecerase coa tradición africana.
A xornada, que desde este ano pasa a chamarse Fo-liada Victor Gulías, comezará ás 19.00 horas co concerto do grupo Afroliada na Praza Maior. Máis tarde, a partir das 20.30 horas, terá lugar o tradicional percorrido por establecementos da localidade.
O itinerario arrincará no bar O Pendello e continuará polo bar Paco, Gelo, A Comarca e O Casino, ata rematar na bodega de Flores.
Darío Rodríguez, membro da directiva de Avantar, explicou que participarán gaiteiros, gaiteiras, bailadores e bailadoras, así como persoas afeccionadas á música tradicional e á cultura galega. Haberá convidados de Escairón, Baiona, Ponte Caldelas, O Carballiño e a súa comarca. Subliñou ademais que non fai falta inscribirse nin ser un virtuoso para formar parte da Fo-liada: abonda con desfrutar da cultura, da lingua e da tradición galegas.
A actividade foi presentada esta mañá por Diego Fernández, concelleiro de Cultura, quen a definiu como unha boa oportunidade para desfrutar da cultura galega e da fusión musical. O edil destacou o apoio que Avantar presta á tradición musical galega e animou tanto a veciñanza como a xente doutras zonas da provincia a achegarse ao evento.
Na presentación, Nani Blanco, tamén integrante de Avantar, avanzou a programación da asociación para o que resta de 2026. O mesmo sábado 26 comezará o clube de lectura de Avantar, a partir das 12.00 horas no primeiro andar do Casino. O 26 de outubro entregarase o premio O Corcheiro no salón de actos do Casino, e o 31 de outubro terá lugar a lectura pública de Un Ollo de Vidro. Para novembro, a asociación prevé organizar a actividade Tasca e Literatura.