Afundación achega “Música a flor de pel” aos centros de educación especial de Ourense

OurenseXa
88 alumnos e alumnas dos CEE O Pino e Miño participarán mañá neste programa que busca promover os beneficios da música en directo no ámbito educativo e emocional
musica-a-flor-de-pel
25 May 2026

Afundación achega “Música a flor de pel” aos centros de educación especial de Ourense

88 alumnos e alumnas dos CEE O Pino e Miño participarán mañá neste programa que busca promover os beneficios da música en directo no ámbito educativo e emocional

Afundación continúa durante os meses de maio e xuño co seu programa “Música a flor de pel”, unha iniciativa que leva microconcertos a centros de educación especial de toda Galicia co obxectivo de promover os beneficios da música en directo no ámbito educativo e emocional.

No caso de Ourense, o programa desenvolverase mañá, martes 26 de maio, con dúas sesións: ás 9:45 horas no CEE O Pino e ás 11:45 horas no CEE Miño. En total, participarán 88 alumnos, profesorado e persoal coidador.

A actividade contará coa participación de Xoán Curiel, artista, compositor e terapeuta Gestalt, e Diana González, actriz, dinamizadora e profesora de teatro. Ambos presentan unha proposta escénica con cancións orixinais inspiradas en músicas do mundo, como reggae, pop, rock ou música tradicional, integrando elementos teatrais, narración oral e clown para favorecer unha experiencia participativa e sensorial.

Segundo a entidade organizadora, este tipo de iniciativas baséanse nos beneficios da música en vivo na xestión das emocións, na redución de tensións e medos, así como no desenvolvemento sensorial, perceptivo e creativo. Ademais, destacan o seu papel no fortalecemento da comunicación e da expresión emocional.

A través desta proposta, a música convértese nunha canle de comunicación non verbal que facilita a expresión de emocións como a alegría, a sorpresa ou a tranquilidade, mesmo en contextos nos que existen barreiras na linguaxe. Afundación enmarca este proxecto dentro da súa aposta pola cultura con sensibilidade social a través da Obra Social de ABANCA.

0.11856484413147