Afundación Ourense acollerá este mércores unha charla sobre seguridade
As socias e socios do Espazo +60 de Ourense de Afundación, a Obra Social de ABANCA, poderán participar mañá, mércores 6 de novembro, a partir das 11.00 horas, na Sede Afundación Ourense, de maneira gratuíta e ata completar a capacidade, dun relatorio sobre as novidades e retos na seguridade na nosa vida cotiá.
A conferencia abordará de maneira clara e accesible as peculiaridades máis notables na materia, así como os desafíos actuais para garantir a seguridade de todas as persoas e destacará aspectos clave que poden ser de grande utilidade, ao segmentalas en función do contexto: bancario, residencial, familiar e espazo público.
A iniciativa enmárcase na oferta de actividades da área de Envellecemento Activo de Afundación, a Obra Social de ABANCA, que permite a quen participa atopar nesta etapa vital novas oportunidades de crecer persoalmente, de seguir formándose, en contacto cos temas emerxentes e achegando activamente á sociedade, á vez que se goza de boa saúde.