AGAM esixe unha solución inmediata aos problemas estructurais do Hospital Materno Infantil de Ourense

OurenseXa
A Asociación Galega de Matronas denuncia que a situación do CHUO "é insostible" e que "o sistema de saúde está a vulnerar os dereitos das mulleres que dan a luz na capital ourensá"
situacion-materno-chuo
A Asociación Galega de Matronas denuncia a lamentable situación do Hospital Materno Infantil de Ourense
6 Xuño 2024

Desde a Asociación Galega de Matronas denuncian a precaria situación que se está a vivir a diario no Hospital Materno Infantil de Ourense, que comezou fai xa medio ano por mor das obras que están a desenvolver na zona de maternidade logo do derrumbe do teito dun corredor  da sala de partos o pasado 30 de decembro.

"Esta situación, que afecta directamente a saúde e benestar das mulleres ourensás que dan a luz, así como ás compañeiras matronas que non contan cunhas condicións adecuadas para desenvolver o seu traballo, require dunha solución urxente por parte do Sergas" reclaman desde AGAM.

"A orixe está nun desprazamento do teito do acceso principal ao paritorio o pasado mes de decembro", lembran. Aínda que inicialmente se seguiu traballando na zona, os riscos evidentes obrigaron a pechar as salas de dilatación e monitorización ambulatoria, reubicando as dependencias en áreas inadecuadas, o que provocou un caos organizativo e comprometeu gravemente a seguridade e a saúde das pacientes e do persoal sanitario.
Actualmente, o acceso ao paritorio realízase por un corredor secundario que tamén se usa para o transporte de comidas, lixo e roupa, onde hai contedores de roupa sucia, camillas e cadeiras de rodas acumuladas, ademais de ratas e cascudas, xerando unha situación de insalubridade total e absoluta, denuncian as matronas.

"É inaceptable que as mulleres que sufriron unha agresión sexual, as que están pendentes de ingreso tras un aborto ou morte fetal e as que están en pleno proceso de parto, se vexan obrigadas a compartir o mesmo espazo, o que lles xera unha situación de estrés innecesario e inhumano", sinalan.

Por iso, desde a Asociación Galega de Matronas esixen ao Sergas "que adopte medidas inmediatas para garantir un entorno de traballo saudable e seguro para as matronas, e condicións dignas para as mulleres ourensás. É imprescindible que se realicen as melloras necesarias para que as instalacións cumpran cos estándares de hixiene e seguridade esixidos".

Ademáis, denuncian que "non podemos permitir que a construción dun novo edificio, prevista para 2026, sirva de escusa para non actuar agora. As matronas e as mulleres que atenden non poden esperar"

0.19049000740051